Miguel Rodríguez Carnota presenta o libro ‘Lingua, poder e adolescencia’ en Artábria
O doutor en Sociolingüística e profesor dará a coñecer a obra resultante da súa investigación o venres 6

Miguel Rodríguez Carnota, profesor e doutor en Sociolingüística, presentará en Ferrol o libro resultado dunha profunda investigación cualitativa desenvolvida na Universidade da Coruña –UDC–, que analiza as cuestións subxacentes no abandono do galego por parte da xuventude. O título é ‘Lingua, poder e adolescencia’ (Edicións Xerais) e darase a coñecer este venres 6, ás 20.00 horas, no centro social Artábria.
Nesta obra, o autor demostra que, a pesar de que nos centros de ensino exista a aparencia dunha situación lingüística amplamente galeguizada, segundo se constata en carteis e comunicados, por exemplo, a realidade nas aulas e recreos é completamente distinta, mesmo oposta.
Ao longo das 360 páxinas, Rodríguez Carnota dá conta, entre outros moitos conceptos, da estratexia adaptativa denominada ‘passing’, que se podería traducir como mimetismo defensivo, unha práctica que consiste en ocultar a identidade lingüística de nacemento e adoptar o castelán como mecanismo de supervivencia na contorna social. Neste sentido, tamén se establecen paralelismos con outras linguas estigmatizadas, concluíndo ademais que o abandono da lingua non é produto dunha escolla libre senón dunha resposta nun contexto opresor.












