Inaugurado o curso para o grupo de conversa ‘Falarmos nós!’ da Escola de Idiomas de Ferrol
Distintas idades e orixes intégranse no proxecto que tamén se desenvolve este ano en Canido, Narón e As Pontes
Coincidindo cun simulacro de incendios que levou a toda a comunidade da Escola Oficial de Idiomas –EOI– de Ferrol a saír do centro e desprazarse até a praza de España, na mañá de onte, martes 3, celebrouse a primeira sesión do grupo de conversa en galego ‘Falarmos nós’, pertencente á rede da Deputación da Coruña da que tamén forman parte outros colectivos que se reúnen en Canido, Narón e As Pontes.
Todos os martes, ás 11.11 horas no Recuncho de Babel (a cafetaría da escola), volverase xuntar un colectivo heteroxéneo de persoas interesadas en poñer en práctica o seu galego, baixo a coordinación da profesora encargada do Equipo de Dinamización da Lingua, Lucía Penabad.
Entre os membros atópanse distintas procedencias e motivacións, como é o caso dun galegofalante que se sumou ao grupo para aportar maior variedade, do mesmo xeito que a integrante brasileira tamén colabora coa xente que se reúne a practicar o portugués. Esta última incorporouse por primeira vez este ano, mentres que o resto repiten con respecto ao curso pasado.
Atópase o caso doutra persoa que practica con soltura, que aprendeu oíndo falar aos seus pais entre eles pero que medrou nunha xeración nada favorable para a lingua, botando en falla o seu ensino na escola. Así mesmo, repite un vasco con raíces da Pobra do Caramiñal ao que semella perseguir esta cultura, xa que durante a conversa deu conta da gran cantidade de galegos emigrados no seu lugar de orixe, un de tantos temas que xorden sós a partir de dinámicas como a de onte: un xogo sobre palabras do Samaín.
Outros grupos
En Ferrol, tamén forman parte de ‘Falarmos nós’ a Asociación Veciñal de Canido con Muíño do Vento, así como existen grupos nas bibliotecas municipais de Narón e As Pontes, todos eles en contacto a través das reunións entre coordinadores.













