Concurso de Microrrelatos "Investigacións mariñas"
O certame deste ano homenaxea a oceanógrafa Aida Fernández Ríos

A bióloga e oceanógrafa galega Aida Fernández Ríos é a científica homenaxeada este 2026 no Día da Ciencia en Galicia. Criada e rodeada nun ambiente mariñeiro, foi pioneira nos estudos para cuantificar o dióxido de carbono procedente da queima de combustíbeis que se acumula nos océanos, poñendo en evidencia un dos principais problemas dos nosos mares, a acidificación.
Co gallo desta efeméride, desde o Grupo Editorial El Ideal Gallego gustaríanos facer partícipes a todos os mozos e mozas que cursan secundaria e teñen entre 12 e 16 anos, da obra e vida de Aida Fernández Ríos, poñendo en marcha un concurso de microrrelatos, deseñado baixo a temática “Investigacións mariñas”.
Como participar?
Para participar, o teu fillo ou filla / estudante só ten que rexistrarse na nosa web ou utilizar a conta dalgún dos seus proxenitores/profesores/centro escolar, deixando o seu microrrelato de non máis de 100 palabras nesta mesma noticia a través da sección de comentarios.
O concurso estará en marcha dende o 27 de outubro de 2026 e até o 24 de novembro de 2026 nas webs do grupo www.elidealgallego.com, www.diariodebergantinos.elidealgallego.com, www.diariodeferrol.elidealgallego.com e www.diariodearousa.elidealgallego.com.
O relato gañador e dous finalistas serán anunciados o 27 de novembro e, durante a semana do 30 de novembro ao 5 de decembro procederase á entrega dos galardóns. Os microrrelatos serán publicados, ademais, na edición online das catro cabeceiras, así como na súa versión en papel o 7 de decembro de 2026.
As obras deberán ser orixinais e inéditas, realizadas tanto en galego como en castelán, e terán que conter entre cinco e cen palabras. Valorarase a creatividade e orixinalidade dos textos recibidos.
Os premios
Gañador:
- Lenovo Tab M10 HD (2ª generación), valorada en 176 euros.
- Publicación do microrrelato nas versións en papel e dixital de El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, Diario de Ferrol e Diario de Arousa.
Primeiro finalista:
- Kobo Clara 6” HD valorado en 109,99 euros.
- Publicación do microrrelato nas versións en papel e dixital de El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, Diario de Ferrol e Diario de Arousa.
Segundo finalista:
- Amazfit Bip 5 smartwatch, valorado en 79,00 euros.
- Publicación do microrrelato nas versións en papel e dixital de El Ideal Gallego, Diario de Bergantiños, Diario de Ferrol e Diario de Arousa.
Quen foi Aida Fernández Ríos?
Aida Fernández Ríos (1947-2015) naceu en Vigo rodeada dun marcado ambiente mariñeiro. Comezou a estudar Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio de Vigo, pero o delicado estado de saúde do seu pai levouna a deixar os estudos e a incorporarse no mundo laboral, traballando nunha imprenta. A súa contorna animouna a finalizar a súa formación, de modo que compaxinou o seu traballo con clases de debuxo na Escola de Artes e Oficios e de francés na Alianza Francesa. Foi alí onde coñeceu Carmen Mouriño Sabucedo, quen traballaba no que sería o xerme do actual Instituto de Investigacións Mariñas e quen espertou o seu interese polas ciencias, alentándoa a presentarse ás oposicións do CSIC (Centro Superior de Investigacións Científicas).
En 1972, con 25 anos, aprobou as oposicións de auxiliar de laboratorio. Desfrutaba tanto o seu traballo que se matriculou en clases nocturnas para obter o bacharelato superior e continuar formándose. Posteriormente, sen abandonar o seu labor no Instituto de Investigacións Mariñas, iniciou a licenciatura de Bioloxía no Colexio Universitario de Vigo e concluíuna na Universidade de Santiago de Compostela, onde ademais completou a súa tese doutoral (“O fitoplancto na Ría de Vigo e as súas condicións ambientais”, dirixida por Fernando Fraga Rodríguez).
Tras obter o título de doutora, foi avanzando na súa carreira investigadora, obtendo primeiro praza como científica titular e, posteriormente, como investigadora científica, ata converterse en profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas. En 2006 converteuse, ademais, na primeira muller en dirixir esta institución, labor que desempeñou ata 2011.
Como bióloga mariña, o seu principal interese científico centrouse nos cambios físico-químicos que se producen nos océanos, en particular no Atlántico, e na súa repercusión no clima do planeta. En 1974 embarcouse na súa primeira campaña oceanográfica. Estímase que participou en preto de 30 delas (das que foi xefa científica en cinco) e que acumulou máis de 750 días no mar, atravesando o Atlántico de norte a sur e de leste a oeste, o Índico e a Antártida, alén de tomar mostras no litoral galego e a costa portuguesa.
Entre os seus principais fitos científicos destacan a autoría dunha publicación científica sobre a variabilidade das masas de auga no Atlántico Norte (un dos artigos máis citados de toda a produción do Instituto de Investigacións Mariñas), e a súa participación na primeira avaliación global dos niveis de CO2 no océano derivados da actividade humana (traballo publicado na revista 'Science').
Foi unha das principais expertas de Europa no estudo da relación entre as emisións de dióxido de carbono producido pola actividade humana e o aumento da acidez na auga do mar.
Ademais, foi presidenta do Comité Español da International Geosphere-Biosphere Programme) sobre cambio global e membro do Comité Español de Investigación para o Cambio Global.
Autora de máis de 110 artigos publicados en revistas científicas de elevado índice de impacto, realizou estancias en centros de investigación estranxeiros, entre eles o James Rennell Center for Ocean Circulation de Southampton (Reino Unido), Brookhaven National Laboratory Associated Universities en Long Island (EEUU) ou o Laboratoire de Physique des Océans en Brest (Francia).
Ingresou na Real Academia Galega das Ciencias como académica numeraria na entón denominada Sección de Farmacia e Bioloxía o 18 de xuño de 2015, seis meses antes de falecer, converténdose na terceira muller en incorporarse á institución, na que pronunciou o seu discurso baixo o título “A acidificación do mar: unha consecuencia das emisións de CO2”.
Consulta as bases do premio aquí e participa nos comentarios desta noticia.











