“O BNG perde un gran deputado, pero Ferrol vai gañar un gran alcalde”
Ana Pontón e outras 300 persoas arroupan a Mon Fernández na súa presentación como candidato á Alcaldía
Nun acto no que inevitablemente interferiu a convocatoria de eleccións xerais, o BNG presentou ao seu candidato á Alcaldía de Ferrol, Mon Fernández, coa presenza da súa portavoz nacional, Ana Pontón, e do que durante tres procesos electorais consecutivos –de 2015 a 2023– encabezara a lista da organización nacionalista, Iván Rivas.
A emoción polas perdas das últimas datas –o pai de Rivas, Antonio, e de quen fora voceiro durante vinte anos, Xosé Manuel Beiras– planeou durante toda a cita, presentada por Mariña Bello. O primeiro en saír ao atril foi o portavoz municipal, quen dixo que seguramente sería “unha das últimas veces que me vedes nun escenario a falar de política”.
Por ese motivo, dixo, “serei sincero e direivos algo: paga a pena; paga a pena facer algo polos demais e situarte no lado correcto da Historia nun mundo difícil e complexo como o que vivimos”. A situación internacional e tamén a política estatal estiveron moi presentes nos tres discursos.
Rivas referiuse á inestabilidade provocada polo perigo que supoñen “catro magnates e un demente”, en referencia a Trump, pero, con todo, insistiu en que “é fermoso gastar unha parte da nosa vida en defender esta terra. Foi un pracer”.
A voceira nacional, Ana Pontón, loou as cualidades parlamentarias do candidato desde que obtivo a acta, en 2020. “Coñézoo desde os tempos de Galiza Nova e sempre pensei que era unha persoa con capacidade política. Agora sei que é un compañeiro excelente. O BNG perde un gran deputado, pero vai gañar un gran alcalde”, apuntou.
Pontón animou ao auditorio a “convercérmonos de que é posible porque Ferrol necesita un cambio. Imos por todas! Hai tres anos, en Santiago tiñamos dous concelleiros; agora temos unha alcaldesa”. Despois referiuse a unha cidade “singular, con moitísima personalidade porque a xente de Ferrol é loitadora; é o seu carácter” e laiouse de que na urbe se palpe “o malestar porque nin PP nin PSOE confían nela: levan anos servíndose de Ferrol, pero non servindo a Ferrol”.
A intervención do candidato foi máis persoal. “Quero presentarme ante vós. Son Mon Fernández, o fillo de Pili Bellón”, comezou. No seu discurso combinou a diagnose do contexto xeral –“o fascismo nunca ten límites”– cun convite a enfrontalo, animando ao público a participar na manifestación deste venres en apoio da Cruz Vermella, con propostas para a cidade: “a vivenda vai ser unha das miñas prioridades”, sinalou, “porque non se entende que teñamos problemas co parque de vivendas municipal que temos”.
Ademais, destacou que a infancia vai estar presente nas súas políticas. “Conservaremos a cidade como o que é, o mellor lugar do mundo para vivir”. Por último, criticou a xestión de Rey Varela, a quen acusou de “vivir e actuar de costas á cidade, de non dicir nada da vivenda, nin do transporte por estrada, nin de que a Atención Temperá ou as drogadicións as presten entidades e non o Sergas... En maio poremos fin a isto e Ferrol terá un alcalde a quen van coñecer en todas as Consellerías e en todos os Ministerios”.











