José A. Álvarez Vidal: “SAIC é un reto grande e iso é o que o fai apaixonante”
O presidente do Porto valora especialmente que, coa chegada da multinacional a Europa a través de Ferrol, se abra unha liña regular con China
Contra as 6.00 horas deste mércores entrará á ría de Ferrol o ‘Anji Forever’ cos primeiros 700 vehículos da multinacional da automoción SAIC que se descargarán en Caneliñas. É o fito inaugural dunha iniciativa que liderará o novo presidente do Porto, o ferrolán José Antonio Álvarez Vidal.
Falaba na toma de posesión que o seu obxectivo é facer realidade un proxecto moi importante non só para o Porto, senón tamén para Ferrol, Galicia e España, pois será o primeiro investimento directo de SAIC no Estado. É unha responsabilidade enorme...
Son consciente do reto. Cando mo dixeron pareceume que viña algo grande e iso é o que fai este reto apaixonante. É complicado, non o podo negar, pero espero que cun equipo como o que hai aquí na Autoridade Portuaria e coa decisiva aportación que está facendo a Xunta e tamén a Administración do Estado poidamos cumprir esta ilusión que hai non só no porto, senón na comarca enteira e en Galicia.
Que parte do éxito terá a coordinación entre as administracións? Está a ser así ata o de agora?
Se non fora así, estaría complicado. Isto é unha suma de esforzos e como está a demostrarse estes días non é só un asunto de extrema importancia para o Porto. Este proxecto excede o estritamente portuario e xusto por iso demostra que é un proxecto dunha enorme relevancia que sen o porto non se pode facer. A nosa posición estratéxica, coas nosas capacidades e potencialidades, son as que fixeron que se elixira este porto. Ímolo facer ben para que se poida concretar nos prazos o máis axiña posible.
No proxecto básico que está en exposición pública figuran os prazos moi definidos e, tendo en conta os pasos que se están a dar, e da madurez do propio proxecto, parece que son realizables. Están ben encamiñados?
É un proxecto moi comprometido e os prazos son moi axustados. Hai que ser prudentes e saber a realidade na que estamos, ir pouco a pouco e facer ben as cousas e nos prazos que queremos que sexan. Na primeira das fases (este mércores chega a o barco que vai supor o primeiros dos fitos) estanse a dar un estrito cumprimento moi rigoroso. Ímolo intentar.
Chega o primeiro buque con 700 vehículos. Mentres non funcione a fábrica de Caneliñas como vai ser a operativa de SAIC?
A idea que teñen eles é ter unha liña mensual que siga achegando un número semellante de vehículos. Esa é a primeira das fases, que demostra que o programa de implantación que queren eles xa se vai completando. O feito de que chegue o buque é a comprobación de que o propio porto é o acaído para acoller grandes portacoches e, como é lóxico e fan todas as navieiras, ten que testar as condicións que ofrece o porto exterior. É significativo que se cree unha liña que supón algo máis que as propias operacións de desembarque de coches, é dicir, falamos dun tráfico que permite abrir a porta a outras mercadorías nesa mesma liña. Ímolo ver.
“A idea que teñen é ter unha liña mensual que siga achegando coches e permita, ao mesmo tempo, abrir a porta a novos tráficos”
A chegada de SAIC obriga a facer unha reorganización do espazo e, polo tanto, a negociación coas concesionarias vixentes. Como marcha ese proceso?
Estamos negociando con cada un deles; con algún o proceso está máis adiantado e con outro, máis pouco a pouco, e sempre coa perspectiva de algo lóxico, que é o mutuo acordo, evidentemente tendo en conta as lexítimas aspiracións de calquera empresa, pero tamén sen perder de vista o interese xeral que defende o Porto e as compensacións estritamente legais que se deriven. Agardamos chegar a ese acordo no mellor prazo e con todas as garantías.
A comunidade portuaria (incluíndo estibadores, transportistas etc) vai ter tamén que dimensionarse para este novo proxecto. Están a darse os pasos para adecuarse a esa realidade que xa está aquí?
Si; de feito, o primeiro que podemos comprobar é que a consignataria, coa chegada deste buque, vai ter unha primeira experiencia que, no caso de que se repita, confirmará que expectativa de emprego pode dar. Logo tamén vai ser relevante coñecer as perspectivas de empregos ou oficios que se ofertan en Ferrolterra. Estamos a falar de moitas oportunidades que se xeran para a xente que se está formando aquí.
Con respecto ao tren, sempre foi prioritario para o Porto ter unha infraestrutura para mover as mercadorías...
Segue sendo fundamental. O éxito deste porto pasa por que se remate esa conexión ferroviaria con Caneliñas: vai ben e será entre finais deste ano e comezos do seguinte. No caso da renovación do ramal que está a facer ADIF (entre o túnel da Malata e a estación) necesitará seguro un ano máis, pero non vai mal, como temos constatado. O ferrocarril é unha chave de éxito e a terminal de contedores alcanzará o punto óptimo se ten conexión ferroviaria. E o mesmo podemos dicir de todas as actividades que virán. A boa nova é que todo marcha nos prazos marcados.
A relación porto-cidade intensificouse nos últimos tempos. No caso do edificio de Aduanas, que prazo teñen para que remate a súa rehabilitación?
Se non é a finais de ano, será a comezos do que vén, pero, en todo caso, o que si sabemos é que nos permitirá, tamén da man do Concello, valorar o uso cívico máis axeitado. Vai ser unha mostra dunha dinámica que ten que continuar, que é a transformación do vínculo entre o porto e a cidade, que vai ser moito máis cálido para o cidadán, que se sinta a gusto no porto, independentemente de que o que ten que xerar o porto, sobre todo, é riqueza.











