Pesca e identidade cultural na segunda xornada do Gurméndez
O expresidente González Laxe, falou sobre a control do mar no futuro inmediato
O curso de pensamento Carlos Gurméndez que segue a celebrarse no campus de Esteiro estivo centrado este xoves na literatura, cine e teatro de Galicia. Da xornada cultural só escapou a conferencia que o catedrático de Economía e expresidente da Xunta, Fernando González Laxe, pronunciou.
O experto mundial en pesca fixo unha miúda análise da situación hoxe en Galicia e España e avanzou algunhas claves dun sector económico de grande importancia no futuro. Tras incidir na loita que vai haber no planeta para o control do mar, destacou o bo traballo que está a facer China ou mesmo Marrocos e Portugal, que teñen, a diferenza de España, un ministerio del Mar.
Tras repasar fitos da lexislación marítima, Laxe púxose de lado dos pescadores acusando ás autoridades “de un exceso de burocracia frente al olfato del pescador que trabaja con eficacia y de manera sostenible”. Con respecto a Galicia, cualificou a actual política da Xunta de “continuismo pasivo” pola súa falta de iniciativas. Acerca do futuro, Laxe augurou unha loita polo espazo mariño de gran demanda e un aumento do comercio, unha maior esixencia de información e un ordenamento pesqueiro máis intenso cun aumento dos produtos do mar de proximidade e relacionados coa saúde. E lanzou unha advertencia para concluír: “Las bandejas de pescado se van a imponer en los supermercados”.
García Negro e a literatura
A xornada comezara anteriormente coa palestra da sociolingüísta Pilar García Negro acerca da lingua e literatura galegas ao longo da historia. Tras alabar o traballo de dous ilustres ferroláns, Carvalho Calero e Francisco Rodríguez, cifrou “a que está escrita en galego como literatura galega. Escribir en galego non é igual a un galego que escrebe”. A continuación, García Negro tratou de definir unha lingua “normal” como ubicua, interclasista, autosuficiente, autorrenovable e multifuncional” para facer un percorrido desde o tránsito do latín ao galego falando dos séculos XIII e comezos do XIV como de normalidade do galego cando era lingua de “reis, emperadores, bispos e funcionarios” acompañada dunha espléndida literatura.
Os problemas do galego nacen coa dinastía dos Trastámara e, así, nos seguintes séculos chamados “escuros”. Para García Negro, o xenio do pobo e o talento refúxianse na arte popular, oral que vai das cantigas ao teatro “con moita calidade”. Así ata a revolución do Rexurdimento liderado por Rosalía, que canda Pondal e Curros “dignifican o galego cun pacto implícito co seu pobo”.
Tras debullar os populares poemas ‘Negra sombra’ e ‘Os pinos’, letra do himno galego, a sociolingüista lembrou o papel das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos así como o papel de Castelao ou Carvalho Calero “para dignificar a nosa lingua”.
Sucasas e o cinema
Ademais de lingua e literatura houbo un espazo para o cinema da man do profesor e filósofo Alberto Sucasas, que entre 2016 e 2023 foi o director do curso Gurméndez. O conferenciante elaborou, a xeito das ‘Vidas paralelas’ de Plutarco, un percorrido cheo de semellanzas entre o cineasta vigués Lois Patiño e Oliver Laxe, nado en París pero de familia e residente en Navia de Suarna. Analizando as catro longametraxes dos dous directores galegos, Sucasas trazou vínculos como “cineastas del paisaje influidos por la pintura, la importancia del viaje y una espiritualidad que sugiere que en el mundo real hay una dimensión de lo divino, de lo sagrado”. De Patiño dixo que era un cineasta do mar e da auga, mentres Laxe sería da montaña, atendendo ambos ás súas orixes.
Para rematar, Alberto Sucasas puxo escenas de dúas películas de ambos, ‘O que arde’ no caso de Laxe e ‘Ariel’, no de Patiño.
O teatro, por Oti
Xa polo serán, o teatro e á música protagonizaron o curso. No primeiro caso o dramaturgo e académico Francisco Oti, discípulo de Manuel Lorenzo segundo a súa presentadora Ángeles Seoane, falou do papel tan importante do teatro en Galicia para a normalidade do idioma “desde finais do século XIX ata o traballo das Irmandades”. Tralo desastre franquista, a recuperación e modernización a partir dos anos 70 foi destacada por Oti ata actualidade coas eivas e atrancos dun teatro que tiña unha forte carga política e compoñente de servizo público. O dramaturgo cabanés falou das enormes posibilidades hoxe dun teatro non sempre entendido polos políticos que deberían defendelo, pero con oportunidades desde o colectivo ao terapéutico e “clave para marcar a identidade dun pobo”.
Música con Xoán Rubia e María Manuela
Finalmente, a xornada pasou á música cun breve concerto de María Manuela e Xoán Rubia acompañados do guitarrista Daniel Adzemian. Antes de interpretar pezas como ‘A Rosalía’, ‘Alecrín’ ou ‘Negra sombra’, Rubia lembrou a importancia da música na identidade de Galicia e lembrou con María Manuela cando, “non hai tantos anos”, cantar en galego “podía supoñerche a censura, multas, o paso pola comisaría ou o exilio”.
Despedida coas directoras, Esperanza Piñeiro e López Arranz
Na xornada final deste venres desta nova edición do Carlos Gurméndez de pensamento e comunicación falarán as súas directoras. A historiadora Esperanza Piñeiro de San Miguel tratará a partir das 10.00 horas o tema do 'Imaxinario popular galego' e a continuación será a profesora de dereito Asunción López Arranz que disertará verbo da 'Especificidade do dereito galego'.
Tralas conferencias, o acto de clausura contará coa presenza da vicerreitora do Campus Industrial e Responsabilidade Social, Ana Ares, e da delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.










