Ferrol acolle por vez primeira o Campus Tecnolóxico Interuniversitario
Son trinta mozos de 18 a 35 anos con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e do espectro autista

Desde este mércores e durante unha semana enteira, Ferrol acolle, por vez primeira, o Campus Tecnolóxico Interuniversitario ‘Compartindo o Norte 2026’, unha iniciativa formativa e inclusiva na que participan trinta mozos de 18 a 35 anos con discapacidade intelectual, do desenvolvemento e/ou con transtorno do espectro autista. A iniciativa está organizada polas universidade da Coruña e de Cantabria en colaboración coa Fundación ONCE e conta con financiamento do Fondo Social Europeo.
Dos trinta mozos e mozas, 21 son estudantes do programa Espazo Compartido da Universidade da Coruña e os outros nove dunha iniciativa similar da institución cántabra. Todos eles terán como centro base a residencia universitaria da rúa Sánchez Barcáiztegui.
Haberá propostas de todo tipo, como obradoiros STEAM centrados na impresión 3D, a robótica e o deseño de videoxogos. Ademais, terán que elaborar un proxecto colaborativo final, denominado ‘Ciencia compartida’. O traballo das habilidades sociais tamén ocupa un lugar central nesta experiencia interuniversitaria.
Na formación do alumnado está implicado o profesorado do Programa Espazo Compartido da universidade anfitrioa, así como Gazapo Xestión, de Narón, e a Fundación Enki coruñesa. Con todo, hai moitas máis institucións implicadas nesta iniciativa, o que lles permitirá realizar visitas a Exponav, o Arsenal ou outros puntos da cidade –castelo de San Felipe– e da bisbarra, como é a fervenza do Belelle ou a praia de Ares. A Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, cunha actividade no castro de Esmelle, e Equiocio tamén aportan o seu gran de area.
A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, agradeceu a implicación de todas as institucións e entidades involucradas nesta iniciativa, pois “queda demostrado que a colaboración é a mellor ferramenta para construír unha sociedade máis xusta e inclusiva”. Xunto coa directora do Espazo Compartido, Montse Muriano, Ares recalcou que a UDC seguirá apostando pola responsabilidade social a través da “promoción de programas que integran a formación universitaria, a innovación e a participación activa na comunidade”.











