Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Fin de curso

‘As sete marabillas de Ferrol’ despiden o curso no CEIP Juan de Lángara

O proxecto anual do centro fai partícipes ás familias o último día, amosándolles traballos como un receitario local

CEIP Juan de Lángara, presentación do proxecto As sete marabillas de Ferrol
CEIP Juan de Lángara, presentación do proxecto As sete marabillas de Ferrol
Jorge Meis
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Este sábado 20 de xuño ábrese o prazo de matrícula para o alumnado de Educación Infantil e Primaria, até o martes 30, xusto un día despois da fin de curso 2025/26. No caso do CEIP Almirante Juan de Lángara, na estrada de Catabois, a xornada deste mesmo venres 19 non só constituíu unha despedida festiva coa participación dos pequenos e pequenas, as súas familias e o profesorado, senón que ademais serviu para expoñer, con distintos postos ao aire libre, a liña de traballo que rexeu as distintas conmemoracións e diferentes tarefas ao longo do ano, unificando todos os niveis arredor das ‘Sete marabillas de Ferrol’.

Do mesmo xeito que o ano pasado, as nenas e nenos deste colexio comezaron o curso achegándose aos deportes olímpicos para despois focalizar nos xogos tradicionais galegos, que serían os protagonistas das Galimpíadas do último día, desta volta estreitouse aínda máis o foco para incentivar o coñecemento sobre a súa propia localidade.

As sete maravillas do mundo moderno deron orixe a esta proposta e, despois de estudar monumentos como Chichén Itzá, o Coliseo de Roma ou o Taj Mahal, a partir do Entroido todos os cursos comezaron a traballar arredor dos elementos que poderían conformar esa mesma clasificación pero a nivel local.

Quen conduciu esta transición foi a mascota da biblioteca do centro, Leosaurus, nacida do deseño gañador dun concurso de debuxos, que se rematou por materializar na realidade para que o alumnado puidera interactuar con ela, encargando a confección dun boneco de grandes dimensións que adoita facer recomendacións de lecturas e outras actividades coma esta.

No Juan de Lángara vense desenvolvendo este sistema dende hai anos, buscando en cada curso “un fío condutor que nos unise a todos”, tal como explicou a xefa de estudos, Leticia Casal. Nos últimos tempos, atendendo a outras temáticas coma o cinema ou a arte, este nexo aplícase tamén a todas as conmemoracións que se celebran na escola. Así, co paso do tempo créase “un traballo que se vai acumulando ao longo do curso” co obxectivo de exhibilo a toda a comunidade ao remate.

Actividades

Entre as distintas marabillas da localidade que se foron descubrindo con este proxecto escolar atópanse mulleres ferrolás de todos os tempos: Concepción Arenal, Ángela Ruiz Robles, Amada García, Ángeles Alvariño, Mabel Rivera, María Manuela ou Chelo Loureiro. Esta última, “a maga do cine”, como se lle alcumou nun dos traballos á produtora de personaxes de animación tan reveladores como Valentina, unha pequena con síndrome de Down, incluso visitou o colexio con motivo do Día Internacional da Muller (8-M). Así mesmo, eses nomes femininos estiveron presentes na xornada de onte, protagonizando xogos didácticos dirixidos aos distintos niveis, para que dende Infantil até o derradeiro curso de Primaria aprenderan a importante achega de todas elas á sociedade.

Para conmemorar a Semana da Prensa, que tivo lugar dende o día 9 ao 15 de marzo, creouse un auténtico receitario local no que o alumnado rexistrou os pratos tradicionais que se cociñan na súa contorna, destacando en moitos casos os preparan as súas avoas, como por exemplo as zamburiñas á ferrolá.

“Polo Día das Letras Galegas traballaron sobre BÖJ como marabilla musical”, lembrou Leticia Casal. Os integrantes do grupo folk tamén visitaron esta mesma semana o centro, unha experiencia que o estudantado acolleu “xenial, eles coma tolos pedindo autógrafos” e os músicos “estiveron respondendo preguntas, ensináronlles os seus instrumentos e explicáronlles un pouquiño”, antes de que os nenos e nenas lles amosaran o baile que prepararon para a súa cantiga ‘Xota das dúas portas’, a mesma que onte pechou o acto de final de curso.

Como tamén presta saír de cando en vez, no caso doutras marabillas ferrolás foron os propios pequenos os que se desprazaron para coñecelas. Foi o caso da biblioteca municipal, un dos destinos visitados para ensinar como se pode un facer socio deste centro cultural “e logo compartiron coas familias un espazo lector”, explicou a xefa de estudos.

Outra excursión de proximidade foi o museo de Exponav, onde o alumnado puido achegarse á historia local dos estaleiros e a construción de barcos, polo que un dos postos expositivos da xornada das ‘Sete marabillas de Ferrol’ luciu as maquetas elaboradas polos distintos cursos, dende as escalas máis en miniatura até un par de exemplos que incluso permitían aos pequenos subirse para ‘navegar’.

CEIP Juan de Lángara, presentación do proxecto As sete marabillas de Ferrol
A construción de barcos forma parte da identidade local e, por este motivo, un dos traballos que expuso o alumnado foron as maquetas realizadas polos distintos cursos, a diferentes escalas
Jorge Meis

Ademais, “fixemos unha visita guiada polo barrio de Canido para que coñecesen a historia” de como se orixinaron as Meninas e achegar aos pequenos á figura do artista local que está detrás desta iniciativa, Eduardo Hermida. Deste xeito acadouse outro dos sete monumentos, que por outra banda serviu para celebrar Os Maios, enchendo de flores as icónicas siluetas de Velázquez que xa son un símbolo máis da cidade.

Para conducir ás familias por todo este proxecto, dende o centro repartíronse tarxetas nas que cada unha das marabillas ía acompañada dun código QR con distintos traballos realizados ao respecto ao longo do curso. Como o sétimo elemento non podía ser outro para esta escola que o propio Almirante Juan de Lángara, no monumento que constitúe para esta comunidade “o noso cole” proporcionouse unha ligazón a unha serie de podcast nos que os alumnos e alumnas son entrevistados sobre as cousas que máis valoran do colexio no que están a medrar.

CEIP Juan de Lángara, presentación do proxecto As sete marabillas de Ferrol
A xornada incluíu xogos para manter a implicación de todos os niveis
Jorge Meis
0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620