Xa a venda as entradas para a estrea no teatro Colón da obra ‘Non precisamos perdoar’
A peza que se estreou en Caamouco o pasado mes de marzo chegará á Coruña

‘Non precisamos perdoar’ é a obra teatral que se estreou na Agrupación Instrutiva de Caamouco o pasado mes de marzo, gañadora do premio Luísa Villalta 2025, e que chegará ao teatro Colón da Coruña o próximo xoves 30 de xullo, ás 21.00 horas. Esta peza, que toma como punto de referencia a existencia do Patronato de Protección a la Mujer, sen pretensión histórica, conta coa música orixinal de Barahúnda e xa ten as entradas anticipadas á venda.
Eugenia Sanmartín e Ángel Simón asinan a dramaturxia e a dirección desta produción, Helga Méndez o espazo escénico e a iluminación As Dúas e Punto.
Con Cristina Moreira, Sonia Ruiz Parra e Ángel Simón en escena, a peza pretende servir de espello para o maltrato brutal e absurdo ao que se somete a miles de mulleres, un sistema de represión perpetrado ao longo dos tempos e das xeografías sobre o que, atendendo ao caso da institución do Patronato de Protección a la Mujer, pretende abrirse unha reflexión sobre o posible papel da sociedade para a reparación, unha das tres reclamacións das vítimas ademais do esclarecemento da verdade e da aplicación da xustiza.
A peza conta coa subveción do Instituto de las Mujeres, dependente do Ministerio de Igualdad de España.










