Galicia en Foco xa ten gañadores e destaca a fotografía do ‘Triatlón de Ferrol’ que asina o ferrolán Kiko Delgado
Os premios Foto do Ano e Serie do Ano son para Sandra Alonso e Iñaki Abella, respectivamente

Sandra Alonso, cunha imaxe publicada en La Voz de Galicia de Santiago, e Iñaki Abella, no Faro de Vigo, son os fotoxornalistas galardoados na 35 edición do certame Galicia en Foco, que organiza o Club de Prensa de Ferrol. O premio, que tamén destacou a beleza e orixinalidade do traballo do ferrolán Kiko Delgado, consta dunha figura de Sargadelos deseñada por Isaac Díaz Pardo e dunha dotación económica de 750 euros para cada un dos dous gañadores.
‘Lluvia’ é o título co que presentou Sandra Alonso a súa fotografía, publicada o 27 de xaneiro de 2025, polo que obtén o premio Foto do Ano de Galicia en Foco, “por capturar unha instantánea que pola súa orixinalidade e sinxeleza podería ilustrar o día a día dos galegos nos duros invernos da nosa terra”, valorou o xurado, amais de destacar a imaxe do ‘Triatlón de Ferrol’ de Delgado.
Iñaki Abella obtén o premio Serie do Ano por ‘Volver’, elixida “por representar unha nova oportunidade económica vinculada ao mar, reflectida nunha serie de imaxes que exemplifican a labor diaria do fotoxornalismo local”.
O xurado estivo composto por Rodrigo Ramos Ardá, Gala Santalla Quintana, Lucas Rey Seoane e Xulia Díaz Sixto, ademais de Xoán Rubia Alejos, que actuou como secretario, con voz pero sen voto.










