‘Begonha Caamanho, uma das nossas’ expón en Artábria á homenaxeada fóra dos moldes
Esta obra de Charo Lopes, Lara Rozados e Isaac Lourido preséntase este sábado 13

Este sábado 13 presentarase no centro social Artábria a obra colectiva ‘Begonha Caaamanho, uma das nossas’, un libro asinado por Charo Lopes, Lara Rozados e Isaac Lourido, que tenta dar a coñecer a cara da homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas non reivindicada dende as institucións. No encontro, que terá lugar ás 19.00 horas, participarán os dous últimos autores, respectivamente, de Poio e de Ferrol, e a profesora Pim Patinho, amiga persoal da escritora.
Este acto presentará ao público a Begonha Caamanho, cuxo nome aparece rexistrado nos seus propios textos con esta grafía, unha militante feminista radical e independentista que, ademais de reinventar mitoloxías dunha sociedade patriarcal, solidarizábase “com as presas políticas galegas e do mundo”. Tal como destacan dende a asociación cultural, esta publicación de Através Editora ve a luz “num momento em que a sua incorporaçom ao cânone cultural galego corre o risco de diluir alguns dos aspetos mais transformadores da sua trajetória vital, intelectual e política”.
O volume estrutúrase en tres partes: un percorrido pola vida da protagonista, un estudo rigoroso da súa obra e unha terceira parte que convida a entender conxuntamente as dúas anteriores dimensións.











