Ana Pontón: “O BNG quere abrir un tempo novo en Ferrol da man de Mon Fernández”
A portavoz nacional define o candidato como “unha persoa dialogante que leva a cidade na cabeza e no corazón”
“Unha persoa dialogante que leva Ferrol na cabeza e no corazón”. Así definiu onte a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o candidato da súa formación á Alcaldía de Ferrol, Mon Fernández, no acto de presentación trala súa elección por unanimidade na asemblea local.
A líder do BNG quixo, en primeiro lugar, “recoñecer e agradecer o traballo feito” por Iván Rivas nos últimos catorce anos, sobre todo “nos momentos complexos” polos que atravesou a organización. “Fíxoo con horandez e con coherencia, desde o seu compromiso con Ferrol e con Galiza”, engadiu.
Agora, asegurou Pontón, será o deputado autonómico Mon Fernández quen abra “un tempo novo para Ferrol” tomando como referencia “a combinación gañadora” que constitúe “o modelo de éxito dos Concellos que goberna o BNG e cun liderado solvente”. “Mon Fernández é o candidato de quen cre que Ferrol precisa un cambio, ambición e un proxecto novo. Con el, imos por todas”, afirmou antes de subliñar que o Bloque é “a alternativa para construír outro Ferrol, un Ferrol en grande” con “mellores servizos públicos, con calidade de vida, con máis cohesión social, cun urbanismo de calidade que permita que habitemos espazos onde todas e todos nos sintamos mellor, promovendo o comercio local, a inclusión, o benestar social e o dinamismo económico e cultural e tamén a defensa da nosa lingua”.
Pontón, que comparte grupo parlamentar con Mon Fernández desde o verán de 2020, referiuse ao candidato como unha persoa “traballadora e rigorosa que sabe que proxecto precisa Ferrol: non se trata só de sinalar os problemas da cidade, senón dar alternativas, e Mon confía no potencial que ten esta cidade”.
"Alternativa"
O primeiro candidato confirmado para as eleccións municipais de 2027 na cidade recoñeceu que ten ante si un “reto apaixonante” que afronta “cun orgullo tremendo” e cun ‘modelo BNG’ que é “motor de transformación onde goberna”, dixo en alusión a Fene, Moeche e San Sadurniño, cuxos alcaldes e alcaldesas arrouparon ao cabeza de lista local.
“Ferrol é moito máis que un Concello, é cabeceira de comarca e ten que exercer ese liderado”, sinalou, “con diálogo permanente e tecendo consensos para ter unha única voz nos asuntos estratéxicos”.
A intervención de Fernández incidiu no “orgullo” que sente pola súa cidade, pola “imaxe máis recoñecible –estaleiro, tradicións e praias–”, pero destacou que Ferrol “é moito máis: no BNG estamos profundamente orgullosos e orgullosas do espírito de loita e superación dos nosos veciños e veciñas, do sector do metal, das dependentas de Inditex e do comercio de alimentación que loitan polos seus convenios, dos praceiros e praceiras dos mercados municipais e do pequeño comercio que aposta por coñecer o produto e por coñecer aínda mellor á súa clientela”. Aludiu tamén ao tecido deportivo, social e cultural “que dinamizan a nosa vida”, e ás entidades do rural, as Anpas ou as plataformas reivindicativas que “pulan por unha cidade mellor”.
Fixo especial fincapé o candidato á fachenda pola historia propia e lembrou que “ninguén antes que o BNG falara de propoñer Ferrol como patrimonio da Humanidade: esta é a visión que temos da nosa cidade, sempre ‘top’. Mais tamén estamos orgullosos da orixe e a historia medieval que outros prefiren enterrar”. Mencionou a tradición de loita “contra a tiranía, desde Roi Xordo ata Moncho Reboiras, pasando por Amador e Daniel” e comprometeuse a que na urbe “haxa sempre lugares e ocasións para honrar a súa memoria”.
Fernández dirixiuse a todas as persoas que buscan “unha alternativa ao deseño actual”, que consiste, criticou, “en ter un palco VIP para que os cruceiristas que nos visitan veñan facer un selfie, un palco que reduce a nosa cidade a un tiro de cámara”. En contraposición, o proxecto do BNG pasa por “facer unha cidade coas persoas no centro, con servizos de calidade e espazos de confort para as familias, para as crianzas, para as persoas maiores, para as mulleres, para as persoas con discapacidade, para toda a diversidade de persoas que facemos o día a día no noso Ferrol”.











