Brincarmos propón visitar os petróglifos de Vilarmaior e o Labirinto de Breogán
O colectivo de familias organiza a saída este mesmo sábado 13, coa colaboración da asociación cultural Artábria e da Deputación da Coruña

O colectivo de familias Brincarmos abre inscricións para participar, este sábado 13, nunha saída ao concello de Vilarmaior, recoñecido polo seu valioso patrimonio arqueolóxico e por constituír unha das localizacións galegas con maior concentración de petróglifos. Estes vestixios de actividade humana prehistórica serán os protagonistas dun roteiro que despedirá a xornada, desenvolvéndose en horario nocturno, a partir das 20.00 horas, xa que a luz rasante do solpor e as lanternas axudan a observar mellor os gravados na rocha.
A actividade, que se organiza en colaboración coa asociación cultural Artábria, o seo no que naceu Brincarmos, e co apoio da Deputación da Coruña, terá como punto de encontro o propio Labirinto de Breogán, ás 17.00 horas. Está previsto que a incursión neste espazo singular se realice 15 minutos despois, con entrada gratuíta para nenos e nenas menores de seis anos (as persoas adultas e maiores de 12 anos pagarán 6 euros e a metade os que teñan entre 7 e 11).
Ás 18.30 horas, o colectivo propón unha merenda-cea no histórico adro da igrexa de Torres, un momento distendido para confraternizar antes de saír, dende este mesmo punto, cara o roteiro dos petróglifos.
Os participantes no percorrido camiñarán a pé para ir descubrindo os gravados rupestres que converten este territorio nunha referencia neste eido en todo o territorio galego.
Petróglifos
Un dos grandes atractivos desta iniciativa de Brincarmos é a divulgación das investigacións realizadas polo Grupo Atlántico de Arqueoloxía da Terra de Trasancos, que foi o responsable da identificación dun total de 134 pedras con inscricións prehistóricas da Idade do Bronce, que ademais están concentradas nunha área de arredor de 2,5 quilómetros cadrados.
Así mesmo, as persoas incritas poderán explorar o núcleo de Calvela-Montañés, na parroquia de San Xurxo de Torres, que é unha zona na que se calcula que o 70% dos afloramentos rochosos, aproximadamente, aínda permanecen semiocultos ou totalmente agochados pola vexetación.
Por medio desta actividade tamén se dará a coñecer a variedade de gravados graníticos que caracterizan ao Grupo Galaico de arte rupestre, que inclúe distintas combinacións de círculos concéntricos, liñas serpentiformes e deseños máis particulares como algúns que teñen forma de oito ou outros triangulares. A pesar de que a inmensa maioría representan formas xeométricas, tamén se atopan outros deseños menos habituais, prestando atención especial ás figuras antropomorfas que se poden atopar na zona.
Recoméndase levar calzado cómodo e pechado, auga, unha merenda-cea para compartir co grupo, lanterna e abrigo para rematar o día. Inscricións no correo brincarmos@gmail.com ou no teléfono 666 049 540.












