‘Habitar o baleiro’ xa está en Ferrol na súa versión máis extendida
O proxecto do fotoxornalista Brais Lorenzo xunto a seis xornalistas encheu este luns Afundación na visita inaugural
‘Habitar o baleiro’ é o nome da exposición que está dispoñible, dende este mesmo luns 8, na segunda planta de Afundación en Ferrol, e tamén do traballo documental que lle deu orixe. Esta pescuda arredor da vida no territorio rural galego, que se estreou cunha concorrida visita inaugural con todas as prazas cubertas, está protagonizado polas imaxes do fotoxornalista Brais Lorenzo, que se complementan cos textos dos xornalistas Cláudia Morán, Manolo Broa, Alba Moledo, Sergio Pascual, Alba R. Saavedra e Lucía Abarrategui.
“Un dos acertos deste proxecto, entre outros moitos que pode ver calquera que entre na sala, é precisamente ser un reflexo moi completo da situación do rural”, destacou na presentación Paloma Vela, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación e responsable de Exposicións, que acompañou a Brais Lorenzo e Alba Moledo.
Precisamente, o fotoxornalista (que gañou o World Press Photo 2026 cunhas fotografías incluídas nesta mostra) sinalou que a idea principal era amosar “as sombras e as luces”; por un lado, as formas de vida que esmorecen despois de terse transmitido “de xeración en xeración durante séculos”, o que non só reverte no interese de documentar este proceso senón tamén de “rexistrar todo iso antes de que desapareza”. No outro extremo, unha dimensión máis luminosa, da “xente que resiste, que aposta por vivir no rural e que quere vivir do rural tamén”, expresou Brais Lorenzo.
Esta que se luce en Ferrol é a versión de maior envergadura dunha exposición itinerante que xa pasou por centros referenciais como o Museo do Pobo Galego ou o Provincial de Lugo, entre outros. O cambio é posible grazas a que se trata dun proxecto “vivo, que ten continuidade”, en palabras de Alba Moledo, xornalista que valorou a posibilidade de “contar as historias lentas e contalas de verdade: desde o coñecemento, desde o sentimento e desde a empatía tamén”.
A pesar de que o labor de maior intensidade desenvolveuse nos últimos “catro ou cinco anos”, lembra Lorenzo, a fotografía máis antiga remontaríase ao 2012, “porque tamén hai un traballo de recuperación de arquivo”, complementario ás repetidas visitas que foron necesarias para pór cara e voz, e dar un maior sentido, ás historias dos seus protagonistas.
Contido
Na mostra, que permanecerá nas instalacións de Afundación até o 31 de xullo, pódense ver máis de 90 fotografías acompañadas dos seus textos, e un adianto do documental que está por vir.












