Multitudinario Festival 111 Aniversario do Toxos e Froles, ao rescate da tradición galega
Os traxes estreados polas Cantareiras son só un exemplo do labor continuo da entidade, que cada ano sube un chanzo
O Festival 111 Aniversario do Toxos e Froles, que fixo tremer este domingo 7 as táboas do teatro Jofre, destacou por ter ateigado o patio de butacas xa pouco despois de pór a disposición as invitacións, así como por ter ofrecido un novo espectáculo multidisciplinar fiado cunha historia que, nesta ocasión, apelou directamente á poboación ferrolá botando man da ficción. O que realmente se celebrou neste encontro foi máis dun século de incalculábel labor de recuperación e preservación cultural, da que depende a vitalidade e a evolución da tradición galega, ao precisar constantemente raíces das que beber.
A proposta escénica continuou a liña dos últimos dous aniversarios, convidando ao público a se somerxer nun relato que, de inspirarse en primeiro lugar no ciclo da vida e o ano pasado nunha voda, desta volta non tiña “nada de real”, expresou o presidente do Real Coro Toxos e Froles, Arturo Lamas, que é coautor dos textos xunto a Pipo Arribe, secretario da entidade que ademais volveu encargarse de levalos a escena, conducindo o acto. Así, a historia convidou aos espectadores a imaxinar un tempo irreal: “xente que se vén asentar a Ferrol, que trae todos os seus costumes e con eles crean unha sociedade aquí”.
Por este fío condutor, neste encontro escoitáronse moitas “letras que cantan sobre Ferrol” e exhibíronse bailes pensados para evocar seres mitolóxicos que habitarían os seus mares, tal como exemplificou o presidente. “O festival aniversario é a nosa actuación culmen do ano”, lembrou, un evento que rexe a actividade do Toxos dende o mesmo comezo do curso, polo que cada ano van cambiando os repertorios e os bailes en función do que teñan previsto para a data sinalada.
Son arredor de oito meses de traballo que comezan, particularmente nos últimos anos, por elixir a idea temática que vertebrará o espectáculo, é dicir, a súa conceptualización. A continuación, selecciónanse as músicas que poden encaixar na proposta e non é até a última fase que se enfía todo cos textos, que non só responden ao sentido argumental senón que tamén deben atender a cuestións prácticas como por exemplo, os tempos precisos para facer os distintos cambios de indumentaria.
A pesar de que, a primeira vista, podería considerarse só un complemento, xustamente na roupa deteuse Arturo Lamas, quen lembrou que o vestiario do Coro “é praticamente o mesmo, sen cambios, desde a súa fundación en 1915, e esa é a base sobre a que traballa o resto: os chaleques que levan os homes da Banda, por exemplo, son unha réplica dun que se lle regalou ao gaiteiro fundador, a Manuel Lorenzo, no ano 1920”.
O directivo tamén apuntou outras referencias neste eido, como os traxes amarelos que foron recuperados a partir das imaxes deixadas pola fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, no transcurso das dúas campañas que realizou en Galicia para inmortalizar distintos aspectos da etnografía, de 1924 a 1926. Estes deseños xa formaban parte da lista de patrimonio ‘rescatado’ polo Toxos e Froles, que vén de engrosarse neste Festival 111 Aniversario coa estrea, por parte das Cantareiras, dunhas vestimentas “sacadas de fotografías de Ferrol de finais do século XIX a principios do XX”, explicou Lamas.
Para facer realidade esta parte do seu proxecto de conservación, “nós botamos man de Bulideira sempre, levamos moitos anos traballando con elas, nos entenden moi ben e nos buscan os tecidos que queremos”, valorou sobre firma compostelá. Con esta empresa especializada na confección de traxes tradicionais galegos traballan tratando de “facer as reproducións da maneira máis fiel posible ao orixinal, pero claro, os tecidos cambian desde os anos XX”, do mesmo xeito que ocorrería con tonalidades como o nomeado amarelo, unha actualización sutil que por fortuna reverte nun maior impacto escénico.
A vestimenta tradicional, de moi distintos deseños, é o elemento que comparten todos os participantes deste espectáculo, que reuniu un total de 72 persoas, entre as agrupacións de coristas (coa dirección de Manuel Amorós Romero), cantareiras (a cargo de Maite López Blanco), instrumentistas (con Arturo Lamas Braña á cabeza da Banda de Gaitas) e bailadores. Esta última disciplina non soamente se puxo en práctica por parte do grupo de baile que dirixe Ana Caeiro Piñeiro, senón tamén do alumnado máis cativo das Escolas do Toxos, con nenos e nenas de cinco a 11 anos.
Entre os 300 socios que ten aproximadamente a entidade atoparíanse estes artistas que subiron ao escenario en distintas combinacións, xa que a inmensa maioría están afiliados, sumándose ás cifras de matriculados nas súas aulas, que da mesma maneira adoitan implicarse en case todos os casos. Non obstante, o público deste evento tamén está composto por “xente que é fiel aos festivais do Toxos”, que non forma parte das agrupacións nin do alumnado pero materializa o seu apoio aboando a cuota e, polo xeral, reservando anualmente a súa invitación, unha parte importante dos apoios recibidos que, segundo calcula o presidente, estaría constituída por unhas 100 persoas.
Homenaxe
Con estes Festivais Aniversario, o Toxos e Froles rememora a actuación realizada polos fundadores da entidade o 29 de maio de 1915, no mesmo escenario ferrolán. “Había un coro de catorce homes, co acompañamento de gaita de Manuel Lorenzo, e un grupo de declamación” no que tamén, amais dos integrantes do anterior colectivo, “participaron catro mulleres” (Gloria Taboada, Mercedes Dobarro, Avelina Charlón e Josefina Veiga), destacou Lamas, lembrando que naquel debut estrearon a obra ‘O Zoqueiro de Vilaboa’, de Alfredo Nan de Allariz, representada por primeira vez o 25 de xullo de 1907 no Teatro Nacional do Centro Galego da Habana. Á marxe dun “parrafeo de Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida”, nesa primeira aparición pública participou a formación Airiños d’a miña terra e interpretouse, fóra de programa, a peza ‘Meus Amores’, co acompañamento da Orquestra do Teatro Jofre.
“Empezan a ensaiar a finais de verán do 1914” e, antes de rematar o ano, xa comezaron “a mandar cuartillas para conseguir cartos para montar a sociedade”, recorda o presidente, relatando os inicios duns estatutos que, “o 30 de xaneiro de 1915 son refrendados polo goberno civil da Coruña”, quedando oficialmente constituída a entidade, lista para estrear en maio.
Moitas cousas cambiaron dende aquela actuación á que se lle continúa rendindo homenaxe 111 anos despois. Transformacións afortunadas no caso da inclusión das mulleres, que carecían por completo de representación no coro, onde hoxe, do mesmo xeito que no resto de agrupacións, “creo que son maioría, incluso na directiva”, destaca Lamas.
Dende aquel entón, pasou máis dun século de traxectoria, que incluiría numerosos acontecementos salientábeis, que atinxirían incluso á nomenclatura. “Chámase Toxos e Froles segundo os estatutos, e o título de Real dállo Alfonso XIII en abril de 1928”, aclarou Arturo Lamas, que ademais quixo aproveitar para trasladar un agradecemento comunitario “ao pobo de Ferrol, porque sen ese público isto non chegaría aquí, a cumprir 111 anos”, mantidos grazas a un compromiso transferido entre xeracións.















