Un Festival Ilustrado que continúa cun cartel de actividades durante todo o mes no Ateneo Ferrolán
A proposta conta coa colaboración tanto do evento que este ano celebrou a súa sexta edición como da Escola Aberta de Arte, protagonista nesta convocatoria
A exposición de retratos de Carmen Martín que xa está dispoñible, dende este venres 5, no Ateneo Ferrolán, deu inicio a un programa de actividades polo que colaboran esta entidade, a Escola Aberta de Arte, o VI Festival Ilustrado de Ferrol e o Concello. Entre as citas figuran encontros con algúns dos modelos representados na mostra, un obradoiro de tocados con Ana Urko e unha actividade didáctica de historia.
Precisamente, a próxima sesión, que terá lugar despois dunha inauguración con concerto de ópera de Rosalía Martín e Alonso Pivi, entre outras actividades, consistirá nun encontro cun dos modelos, Celso Posada, que dará conta da súa experiencia neste proxecto, que puido aproveitar para continuar poñendo en práctica o seu activismo con respecto á situación de Palestina.
Esta cita celebrarase o mércores 10, ás 17.00 horas na sala 1, onde ao día seguinte, a partir das 18.00, será protagonista dun encontro literario Isabel Ramos.
O sábado 13 desenvolverase un obradoiro de tocados ilustrados con Ana Urko, ás 11.00 horas, e o luns 15, ás 17.00, a profesora de Historia Paula Castro coordinará unha actividade didáctica dirixida a todos os públicos. Na mesma semana están previstos outros tres encontros máis e a derradeira cita do programa terá lugar o venres 26.










