Anpas Galegas esixe ao órgano encargado das PAU catro pautas por mor das “graves incidencias”
Entre as materias afectadas, a Confederación cita os exemplos de Debuxo Técnico e Historia de España
Dende a Confederación de Anpas Galegas veñen de manifestar a “firme preocupación e profunda indignación polas graves incidencias rexistradas durante a PAU 2026 en diversas materias”, que se celebraron esta mesma semana, entre outras localizacións de Galicia, no Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña. Por este motivo, a agrupación de familias esixe catro pautas concretas á CiUG, o órgano responsable destas Probas de Acceso á Universidade.
Debuxo Técnico e Historia de España serían soamente dous exemplos achegados polas Anpas Galegas das materias nas que se constataría esta “situación inaceptable que afecta a máis de 13.000 alumnos e alumnas en Galicia”, sendo 832 o total de estudantes matriculados nas PAU, procedentes de distintos centros educativos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que lles correspondeu realizar os exames na cidade.
“A solución adoptada, consistente na ampliación do tempo de realización das probas, resulta claramente insuficiente e non repara o dano ocasionado”, declara a Confederación de Anpas, que destaca como agravante que o alumnado “afronta a PAU nun contexto de alta esixencia emocional, fóra da súa contorna habitual e sometido a unha presión significativa”. Segundo apuntan, as incidencias vulnerarían o principio de igualdade de condicións ao aumentar a ansiedade e inseguridade existentes.
Reclamacións
“Como entidade comprometida coa defensa do ensino público e da igualdade de oportunidades”, a Confederación de Anpas Galegas esixe á CiUG, en primeiro lugar, a apertura inmediata dunha investigación exhaustiva sobre as incidencias producidas.
Ademais, piden responsabilidades aos órganos competentes, implantar medidas correctoras eficaces que eviten repetir os erros e a revisión integral dos procedementos de elaboración, supervisión e desenvolvemento das PAU.










