Diego Sande: “A mensaxe da UE é ‘non me vendas produtos fabricados en China se non vas participar na nosa economía’”
o profesor da USC analiza o contexto no que a multinacional SAIC anuncia a súa chegada a Europa a través da porta atlántica de Ferrol

Diego Sande, profesor na Faculade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, é o director do Diploma de Especialista en Economía e Política China, un posgrao que remata agora a súa primeira edición e que responde ao interese crecente que esperta a superpotencia asiática.
En que contexto chega SAIC a Ferrol e que repercusións pode ter no futuro inmediato?
Hai unha serie de consideracións económicas que teñen que ver con este desembarco e outras de tipo máis técnico que teñen que ver, por exemplo, con infraestruturas. Desde o punto de vista económico hai que entender o contexto no que se produce este anuncio e a posición da Unión Europea en relación cos outros bloques comerciais, Estados Unidos e China. Pasouse dunha época librecambista, de eliminación de barreiras para o intercambio comercial e os investimentos a, desde o inicio do primeiro mandato de Trump –2016-2017–, un contexto global de volta ao proteccionismo que algúns expertos denominan desglobalización. Unha vez que comezan a proliferar medidas de corte proteccionista, que poden ser de natureza arancelaria ou non –imposición de cupos por unidades ou limitacións por valor de negocio, pero tamén outros mecanismos como trabas administrativas ou sanitarias, documentación complexa etc–, os bloques económicos empezan a entrar tamén nese xogo de “se ti me pos aranceis a min, pois eu a ti tamén”. Levamos nesa dinámica certo tempo. Un exemplo é que en 2019 a Unión Europea publicou a súa normativa sobre investimento estranxeiro directo, unha norma bastante proteccionista con respecto ao investimento exterior, fundamentalmente pensando no chinés e no estadounidense, como un xeito de protexer os mercados interiores da UE. Ademais diso, en 2024, no segundo mandato do Trump, comezou unha guerra máis claramente arancelaria, desde o punto de vista comercial, que afectou aos intercambios comerciais. Por que? Porque algúns consideran que, ao converterse China na fábrica do mundo e nun gran exportador, era necesario reverter un pouco esa situación. Nesa guerra arancelaria, a UE participou porque tamén estaba sendo obxecto de certas cortapisas.
No caso dos vehículos eléctricos, como está a situación en relación coa produción chinesa?
No caso de China impuxéronse aranceis ao vehículo eléctrico a partir de 2024, pero dunha maneira que non foi simétrica: unhas marcas estaban gravadas dun xeito e outras estaban gravadas con outra porcentaxe. Isto fíxoo a Unión Europea atendendo a se eses exportadores chineses participaban das políticas de innovación, é dicir, se había algo máis que pura exportación por parte das fábricas ou se tamén había aportacións a innovación, a emprego etc. Aí podes ver que os discursos que nos contan son unha cousa e o que pasa na realidade, outra. Póñoche un exemplo: todos temos en mente a polarización Estados Unidos-China e que todo xira en torno a esa polarización que se encarna en Donald Trump e en Xi Jinping. E, se pensamos en segundas figuras detrás de Trump, temos a JD Vance, Marco Rubio e seguro que tamén nos sae Elon Musk... Que ten deslocalizada a produción de Tesla en China. O Tesla é un dos vehículos que se producen en China que menos gravame ten na Unión Europea. Ou sexa, que son os primeiros mandatarios estadounidenses quen teñen gran parte dos seu negocios en China!
“Esixirá esforzos en aspectos como as infraestruturas: estamos a falar de multinacionais que poden requerir adaptacións no porto ou desprazar empresas xa instaladas
Logo esta chegada pode responder a esa nova lexislación comunitaria?
A diferenza de gravame das marcas chinesas en función da participación na innovación europea leva a que algunhas marcas teñan un gravame moi alto para entrar na UE. A mensaxe da Unión Europea é ‘non me mandes produtos fabricados en China se non vas participar na economía europea’ e iso, unido á normativa de investimento estranxeiro directo de 2019, dificultaba as operacións en certas condicións. Estes factores conducen a algunhas marcas a ter que buscar un espazo dentro da Unión Europea para facer parte do proceso produtivo e poder vender aquí sen estar suxeitos a eses gravames altos.
E aí encádrase o anuncio da Xunta sobre SAIC, unha iniciativa novidosa que podería abrir outras portas para investimentos desta magnitude?
É unha boa noticia para Galicia que se produce nun contexto de viaxes de mandatarios, primeiro o presidente do Goberno central e logo os das Comunidades Autónomas e as delegacións de empresarios. Isto non é algo que se forxe en dúas semanas e seguro que vén habendo contactos desde hai moito tempo e que os chineses están estudando o tema tamén desde hai moito. Ferrolterra é un un bo emprazamento, como podía selo Vigo, pero parece que a Ferrolterra lle vai mellor por razóns históricas. Pode traer oportunidades de traballo? Si, o cal é unha boa noticia. Tamén é certo que haberá que ver como se desenvolve porque en principio vai ser ensamblaxe e despois se irá vendo se en dous ou tres anos vanse asumir outras funcións de fabricación, que sería o ideal.
A elección de Ferrol vai invitar ás autoridades locais, incluído o Goberno central, a pular por que se acelere esa ampliación da ensamblaxe da primeira fase a produción?
Aí hai dúas partes e cada unha trata de orientar os procesos de negociación na medida dos seus intereses. Desde ese punto de vista, que exista algún tipo de coordinación estatal, autonómica e local para impulsar o proxecto sería o ideal porque, ao final, van intervir outros factores, como a infraestrutura portuaria, dependente do Estado no caso de Ferrol, ou as navieiras. Hai moitas variables, pero, en calquera caso, é unha boa noticia que pode levar a creación ao seu redor dunha industria auxiliar do automóbil. Sería positivo para a especialización produtiva de Ferrol, pois aínda que sempre estivo máis volcada no naval, hai unha boa formación de enxeñeiros e de operarios, coa Escola Politécnica, o CIFP Ferrolterra e outros centros de FP dos arredores. O contexto é bo, pero creo que tamén esixirá algúns esforzos en aspectos como as infraestruturas: temos que ter en conta que estamos falando de grandes empresas que poden requerir adaptacións no porto ou desprazar algunha empresa que xa está instalada para deixar espazo para a descarga e a estiba de vehículos. Ferrol é un porto relativamente próximo ao Reino Unido, que é un dos principais destinos de exportación desta marca. Hai moitas variables que entran en xogo e combinalas non será fácil. O interesante é que non sexa só unha planta de ensamblaxe, senón que exista ao redor un ecosistema favorable, con centros de innovación ou tecnolóxicos que colaboren coa empresa e coa industria complementaria... Trátase de ir tomando medidas que favorezan sempre un bo desenvolvemento se é que se acaba concretando, que todos esperamos e pensamos que pode ser así.
Un posgrado da USC que forma persoas “con coñecementos sobre China moi especializados”
A Universidade de Santiago de Compostela ten desde este curso que está a piques de rematar un posgrao de Economía Política China que ofrece, ademais, precisa Diego Sande, cursos de especialización sobre China –historia, cultura, política, economía e tamén lingua–. “Está a punto de acabar a primeira promoción”, apunta, “e temos xente con coñecementos superespecíficos, moi especializados que xa se están incorporando a empresas e entidades”. “Somos os pioneiros en ofrecer formación para xente que estea interesada en coñecer a economía e a política chinesa, de modo que para alguén que se queira propoñer para traballar no eido desa empresa en Ferrol, alguén que teña coñecementos sobre o país para relacionarse profesional e laboralmente, creo que vai estar moi ben posicionado para poder traballar nese contexto”, explica.











