Os Guerreiros do Inferno do CEIP A Laxe convidan á súa minixira teatral por Caranza, Doniños e Valón
Alumnado de 3º e 4º de Primaria veñen de formar unha auténtica compañía con nove equipos de traballo profesionais
Apenas quedan días para que Os guerreiros do Inferno do CEIP A Laxe de Valón estreen a obra de teatro resultante do seu proxecto LÓVA, un ambicioso traballo que comezaron a terceira semana do curso e que non se limita á preparación dun espectáculo, senón á formación dunha auténtica compañía con nove equipos de profesionais. Son un total de 18 integrantes, oito de 3º e dez de 4º de Primaria, que xa teñen datas para a súa minixira polo concello de Ferrol, á que está convidada a todo o público xeral, con entrada libre, o mércores 10, xoves 11 e venres 12 de xuño.
Na escola respírase xa dende hai semanas un ambiente cargado de nervios, produto da responsabilidade que foi adquirindo pouco a pouco o alumnado, comezando os primeiros meses cuns xogos de relación que servirían, entre outras cousas, para coller confianza en si mesmos e na potencialidade do traballo en equipo. Este paso inicial levou “á ceremonia de LÓVA, cando nos daban as profesións”, explica Laura, que xunto a Malia ocúpase da comunicación e as relacións públicas, desempeñando tarefas que supuxeron todo un reto de valentía como o contacto coa prensa. Ademais, os e as pequenas implicadas realizaron os seus respectivos currículos previamente ao proceso selectivo.
Para facer realidade a minixira, contaron coa colaboración de tres asociaciós veciñais. Así, a estrea terá lugar no centro cívico de Caranza, continuando o segundo día no escenario da AP San Román de Doniños, e rematarán de volta “á casa”, no local da AVV O Cruceiro de Valón. Aínda está por confirmar a hora das representacións, que se concretará proximamente por parte da compañía e xa adianta que as sesións terán unha duración aproximada de 30 minutos.
Ao principio, o alumnado comezou traballando neste proxecto dous días á semana, pero unha vez foi achegándose a data sinalada ampliaron até catro dos cinco lectivos, no caso dos venres con presenza das familias para axudar nalgunhas tarefas. Como mínimo, dedicaron unha hora por xornada, que incluso se lles fixo a pouco do que lles gustou esta proposta na que os nenos e nenas se empoderan.
Compañía
Todos os integrantes dos Guerreiros do Inferno teñen o seu cometido, funcionando como pezas dun crebacabezas no que ningún é prescindible, unidos todos por un mesmo himno.
Amais das dúas responsables da comunicación e relacións públicas, cunha representante de casa curso, os membros da compañía repártense as outras oito profesións, nalgúns casos incluso implicándose en varias tarefas: Catalina é a produtora; Antón e Ainara, rexedores; Mario e Marcelo, encargados da dramaturxia; Álex e Luis, da composición; Jimena, Ángel e tamén Antón traballan na iluminación; da interpretación ocúpanse Ainara, Fran e Naela; do vestiario, Daniela, Raquel e Greta; e da escenografía, Zion, Ximena e Rita.
O proxecto LÓVA, noutros seis centros da contorna
LÓVA (La Ópera, un Vehículo de Aprendizaje) é un proxecto educativo que actualmente se desenvolve nun total de 15 Comunidades Autónomas pero que se orixinou hai preto de 20 anos en Madrid, da man dun grupo pioneiro de docentes que posibilitaron a creación de tres compañías en tres centros de ensino. Como xa se pode advertir no título, na obra final, a música é un dos ingredientes principais ademais da interpretación actoral.
É por iso que o drama que presentarán Os Guerreiros do Inferno contará con melodías en directo como as de Mario, ao piano, e Laura, ao clarinete. Neste curso 2025/26, á marxe do colexio de Valón, dentro do concello de Ferrol participa alumnado de Pazos-Mestre García Niebla e Arenales Santa Juana, amais do CEIP de Piñeiros (Narón), Eladia Mariño (Cabanas), San José (Pontedeume) e CPI de San Sadurniño.











