A Academia de Ciencias pecha en Ferrol un ciclo de conferencias arredor da nanotecnoloxía
Persoas expertas de centros galegos e do resto da península imparten charlas que tamén se poden seguir en liña

A Real Academia Galega de Ciencias –RAGC– organiza, en colaboración coa Deputación, o ciclo de conferencias ‘Nanotecnoloxía ao servizo da sociedade, retos e solucións do presente e do futuro’, unha iniciativa que se celebrará entre Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol. Este último territorio reservarase para a xornada final desta proposta, que se estreará o luns 1 de xuño na capital e chegará ao Campus Industrial o xoves 4.
Os primeiros catro días do mes próximo terán lugar estas charlas, que virán da man de persoas expertas dos principais centros de investigación de Galicia, España e Portugal e tamén se poderán seguir en directo a través da canle de Youtube da RAGC, de 17.00 a 20.30 horas.
Trátase dun ciclo que afondará nos retos e solucións relacionadas coa nanotecnoloxía nos eidos dos materiais, a enerxía e o medioambiente, así como a súa contribución ás ciencias da vida, atendendo especialmente ás aplicacións en medicina, farmacoloxía e biotecnoloxía.
Así mesmo, nesta proposta coordinada por José Rivas Rey, académico da RAGC e investigador do Instituto de Materiais da USC, e Rosa Menéndez López, investigadora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas –Cesic–, abordarase o impacto da nanotecnoloxía nas TIC, que xa está transformando a electrónica, a computación e as redes de transmisión de datos.
“Como disciplina transversal, a nanotecnoloxía está a impactar practicamente en todos os campos do coñecemento, xerando innovacións con efectos directos na sociedade”, destacan os coordinadores, que apuntan que “a súa influencia é xa global e seguirá medrando nos vindeiros anos, con importantes consecuencias científicas, socioeconómicas e industriais”.
Economía
Segundo sinalan as persoas expertas, a nanotecnoloxía move actualmente decenas de miles de millóns de euros ao ano, unha tendencia que continúa en acusado ascenso, calculándose que o incremento anual podería rondar entre o 8% e o 41%.
“Este crecemento explícase polo seu impacto en múltiples sectores, como a nanomedicina, a electrónica avanzada, a enerxía limpa, a purificación da auga e os materiais de alto rendemento, o que a converte nunha tecnoloxía clave a nivel global”, explica o coordinador, José Rivas Rey.
Tres conferencias en Ferrol
O xoves a acción trasladarase ao salón de actos Concepción Arenal do Campus Industrial co título ‘Tecnoloxías da Información e a Comunicación’. Ás 17.00 horas terá lugar a presentación, a cargo do presidente da RAGC Juan Lema; do director do Campus Industrial, Marcos Míguez; e dos coordinadores do ciclo, José Rivas e Rosa Menéndez.
As conferencias ‘Nanotecnoloxía e TIC: máis aló da microelectrónica’ (17.15 horas), ‘Intelixencia Artificial en Medicina’ (18.00) e ‘Robótica asistida e nanotecnoloxía: novas fronteiras para a saúde e o benestar’ (19.15) correrán a cargo, respectivamente, de investigadores de centros de distintos puntos de España: Luis Hueso (San Sebastián), Lara Lloret (Cantabria) e Guillem Alenyà (Barcelona). Ás 18.45 está previsto realizar un descanso, antes da derradeira charla, que precederá a un debate final de media hora, co inicio previsto para as 20.00.
As persoas interesadas en participar neste ciclo da RAGC poden inscribirse a través deste formulario.










