Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Óscar Fuertes: “Todo este patrimonio existe grazas ao sector produtivo”

O arquitecto ferrolán Óscar Fuertes é o director do grupo da UDC que elaborou o censo do patrimonio marítimo inmoble de Galicia

X. Fandiño
23/05/2026 23:22
Foto 03 (1) (1)
Óscar Fuertes, na Aula Náutica da Universidade da Coruña
UDC
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

o inventario do patrimonio marítimo inmoble de toda GaliciaO arquitecto e profesor universitario ferrolán Óscar Fuertes Dopico é o director do grupo da UDC que ao longo dos últimos seis anos traballou nun proxecto ambicioso como é o inventario do patrimonio marítimo inmoble de toda Galicia, que deu como resultado a catalogación de preto de 1.500 bens que poden ser consultados por quen o desexe e que, ademais, ofrece a posibilidade, ata finais de ano, de realizar achegas.

As críticas destes primeiros días están a ser todas positivas... 

Si, a verdade. Son moitos anos de traballo, moita xente implicada no equipo e foi un labor de pouco a pouco pero cunha visión claramente investigadora. A cultura do mar necesitábao, pois son moitos anos e moita historia que todos coñeciamos, pero había que falar dende o rigor, e así saíu dunha das mesas participativas que se fixeron para realizar o Plan da Cultura Marítima. Durante un ano enteiro organizáronse oito mesas e unha enquisa na que chegaron a participar 500 persoas e todas falaban de ser escrupulosas desde a base, desde os cimentos. E así o fixemos: saber exactamente que eran cada un deses bens da nosa costa, e todos eles pertencen á cadea mar-industria. Todo o litoral é precioso, si, e sabemos que estamos inzados de edificacións que teñen un valor patrimonial impresionante, pero todo existe grazas ao sector produtivo, grazas aos oficios tradicionais e grazas á nosa historia mariñeira e marítima. Fixémolo paseniñamente, percorrendo, mapeando, preguntándolles aos veciños –moitos deles mesmo corrixían o que aparecía nos PXOM– e investigando por toda a costa.

Multiplicou a complexidade do traballo todos os cambios e modificacións que se produciron nas últimas décadas nesta contorna?

Era un labor complicado porque queriamos ir ás fontes e moitas delas xa morreran e outras modificáranse. Había moitísimo traballo por facer. Si había inventarios, algúns pequeniños, outros máis grandes, como os plans xerais de urbanismo, dos colexios de arquitectos... Pero, claro, tiñamos que pasar todo por un filtro, cuns parámetros de investigación lóxicos e, sobre todo, preguntando case como un estudo sociolóxico á xente do lugar. E aí é cando empezabamos a topar xoias... O principal de todo este proceso é que detrás dese patrimonio marítimo hai unha memoria encarnada polas xentes de cada lugar. E iso é unha realidade compartida en toda a costa galega.

Calquera cidadán pode consultar esta información científica e iso é un valor clave no traballo, pero hai unha parte máis bonita vencellada precisamente a esa conexión máis emocional coa xente? 

Completamente. Hai xente que xa está a traballar dende unha perspectiva máis sociolóxica, dende a visualización da muller no mundo do mar etc. E queriamos tamén agrupar todas estas iniciativas. Porque, claro, o patrimonio non existe; somos nós os que decidimos cal é o noso patrimonio. E esta xeración, a nosa e a remuda xeracional, ten que saber que o seu patrimonio é o marítimo, é o noso pasado máis vencellado aos nosos avós, ás nosas avoas e ás nosas xentes do litoral, que foron quen modificaron a costa de Galicia nos últimos cen anos. Esta é unha gran industria, a das pequenas empresas, os pequenos oficios do mar... Cada vez que os veciños nos contaban algo iamos ás bases. Case todas as fichas teñen unha parte histórica; algunhas non porque necesitamos máis tempo, doutras non atopamos nada e noutras pode haber erros, pois somos humanos. Hai que ter presente que son case 1.500 bens ao longo da costa.

Hai algunha zona que o sorprendera especialmente porque non agardaba atopalo ou por descubrir a súa importancia? 

En xeral teño que dicir que o que me chamou a atención foi o patrimonio máis humilde do litoral. Podemos falar de pequenos alfolís, pequenas ramplas, peiraos tradicionais, casetas de pescadores, é dicir, iso que case non estaba nin inventariado e que fala dun entendemento dos homes e mulleres do litoral de como facer as cousas para entrar no mar, para exploralo, para explotalo, para conquistalo, para vivir del... Iso foi o que máis me chamou a atención porque non hai un só, hai moitísimos repartidos por toda a costa. Son verdadeiras xoias. Hai outros elementos nos que non puidemos entrar, pero imaxina, por exemplo, que hai capelas por Ourense que teñen nomes de santos mariñeiros. Queda moito labor tamén de entender esa emigración e como o mar conectaba bordos xa non de ría, senón de océanos. Estamos nese proceso. Como ferrolán, poder ler dende outra óptica a zona de San Felipe é impresionante porque tes as ramplas do castelo, as vivendas mariñeiras, as cetáreas, as conexións desas vivendas co mar... Por todo iso é unha das 28 Áreas Nais que temos catalogadas ata o de agora.

Por ignorancia moitas veces podemos subestimar o coñecemento que os antergos tiñan do territorio, que era moi profundo... 

Eles atesouran coñecementos, técnicas, saber facer, e tamén ritos e crenzas que foron transmitíndosenos. Temos que ter esa capacidade de entendelo como tal porque de portas a fóra de Galicia saben o valor e de portas para dentro cada vez somos máis conscientes. Moitas veces eran traballos duros e foron eles e elas os que levantaron o noso país, entendendo esa costa de Galicia como a grande industria española: as confrarías dan traballo a milleiros de persoas. Hai que valorar ese sector produtivo que foi o que xerou o patrimonio marítimo que temos hoxe; hai que entender as vedas, cando saír ao mar, ulir a frescura e ulir a carnaza. Eu, como galego e ferrolán, síntome orgulloso de entrar un pasiño máis nesa investigación porque en cada persoa que falaba atopabamos máis historias, algunhas continúan vivas e outras perdéronse moi rápido, é dicir, chegou a industrialización, despois o cambio de actividades e nun periodo de só unha xeración hai cousas que de súpeto desapareceron.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620