O Día das Letras Galegas puxo música e recitados á pegada deixada por Begoña Caamaño
En Ferrol o acto central celebrouse en Mandiá, aínda que todos os concellos tiveron actividades nesta xornada
Nestes días, ‘Circe ou o pracer do azul’ e ‘Morgana en Esmelle’ así como a súa autora, a homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, foron obxecto de multitude de actividades en concellos, entidades, colexios ou bibliotecas. Onte, o día da festa da lingua galega, non podía ser menos e, dun xeito ou outro, as súas novelas voltaron escoitarse nos recitados da súa obra envolvéndose coa música galega, que tivo tamén un papel salientábel nas súas múltiples versións.
Ferrol puxo a mirada, como cada ano nesta data, na zona rural, coa celebración do acto central na parroquia de Mandiá.
A lectura da semblanza da homenaxeada e a música de Agarimo de Catabois e do grupo As Pías puxo en valor a xornada dedicada ás letras.
O alcalde José Manuel Rey, acompañado de representantes da corporación municipal e a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, non faltaron a esta cita na que se lembrou a unha novelista e xornalista falecida prematuramente pero, como evocou o rexedor, “comprometida coa honestidade e o rigor”. Non esqueceu tampouco a ligazón da escritora con Ferrol, ao levar á escrita a parroquia ferrolá en ‘Morgana en Esmelle’.

Os actos locais seguiron, xa á tarde e na cidade, con máis música, neste caso de ‘Lenda Ártabra’ que ateigou o centro cultural Torrente Ballester.
Non foron estes os únicos actos organizados polo Concello ao redor desta efeméride, xa que ata o vindeiro día 28 na praza de Armas poderase gozar da mostra ‘Ferrol nas Letras Galegas’.
Onde a festa se espallou durante todo o día foi en Narón, con actividades dende a mañá ata ben entrada a tarde.
Os nenos foron os protagonistas de boa parte da xornada na Praza da lectura, con xogos populares, a proposta musical e narrativa ‘O pracer do azul, cartas no vento’, de María Faltri, a posta en escena de Galeatro con ‘Carabela volve aos mares’ ou a música e letras chegada das cantareiras, banda de gaitas e grupos de baile do Padroado da Cultura.
Xuntando dúas propostas achegadas no tempo, o Día das Letras e a tradición dos Maios, tamén noutra parroquia naronesa, Sedes, houbo troula.
A literatura cobrou protagonismo da man de Xosé Manuel Felpeto, que presentou o seu libro ‘Memorias dun Porco teixo' mentres as estruturas florais propias da primavera adornaron a contorna, coa música galega dos Meninos do Pandeiro chegada de Lalín como envoltorio dos actos.
Un dos concellos nos que a festa das letras non só serve de homenaxe ao escritor elixido, neste caso Begoña Caamaño, é Pontedeume, onde nesta data entregánse os premios do concurso de contos ‘Vila de Pontedeume’.
Nesta 36ª edición foi Malena Castiñeira Franesqui quen co conto ‘Heroína’ acadou o premio, dotado con 600 euros.
A oleiresa, que cursa segundo de Bacharelato, fíxose co galardón cunha obra da que se salientou o bo desenvolvemento dos personaxes, a linguaxe rica e precisa e a creatividade, entre outros recursos. Concedeuse, asemade, un accésit ao conto ‘Diario dunha muller ambiciosa’ de Uxía Seoane Miranda, unha arteixá de cuarto de ESO, por unha peza na que se afonda un entorno laboral marcado pola desigualdade e o sexismo. O segundo accésit foi para Sheila Otero Nine, de O Grove, que cursa terceiro da ESO e que presentou o conto ‘Onde aprendín a non ter medo’. Presidiu o xurado o escritor Antonio Fraga.
A festa en Pontedeume contou unha vez máis co roteiro artístico cultural, que organiza o Ateneo Eumés, o colectivo Terra e o Concello e que percorreu a vila dende os xardíns de Lombardero á praza da Angustia, lembrando en cada parada a un artista, dunha ou outra materia, vinculado coa vila eumesa. Dende Fermín Bouza, pasando por Uxío Novoneyra, Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, Abelardo Miguel, Xohana Torres, Galo Salinas , Luis Pimentel ata Ramiro Fonte voltaron ser recordados nesta data, do mesmo xeito que a coral polifónica eumesa, con máis de cincuenta anos de traxectoria.
Na veciña Cabanas houbo tamén pasarrúas cos Viqueiras de Ordes e obradoiros infantís para lembrar a figura de Begoña Caamaño durante a xornada de mañá.
Fene centrou a festa en coñecer máis profundamente a figura da homenaxeada, coa conferencia de Mario Reguera e lembrou, aproveitando a festividade, aos socios da Unidade de Fene que levan medio século detrás da sociedade.
A música de ‘Encruzillada’ festexou en Valdoviño o Día das Letras Galegas, como tamén o fixo Ares con obradoiros, lectura pública da obra de Caamaño, música e xantar.
Máis alá da multitude de actividades que tiveron este domingo como día central, algúns municipios continúan coa súa programación esta semana, como é o caso de Cedeira, que terá na Praza da rectoral mañá martes, ás 12.30 horas, cunha representación arredor da peza ‘Circe ou a pracer do azul’, na que participarán rapaces e rapazas de cuarto da ESO do instituto Punta Candieira. Pola tarde iniciarase un obradoiro de escritura creativa, impartido por Ánxela Lema e Sara Villar, inspirado na reinterpretación dos clásicos que fixo de Begoña Caamaño a escritora merecedora do máis grande recoñecemento das Letras Galegas.
Os socialistas galegos elixiron Esmelle nesta data
Do mesmo xeito que Begoña Caamaño situou a Morgade en Esmelle, os socialistas de Galicia, co seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro á cabeza, celebraron onte nesta parroquia ferrolá a festa da lingua. Unha ‘Foliada das letras’ que non se perderon Lara Méndez, secretaria de Organización; Carmela López, presidenta da Deputación de Lugo; o secretario provincial, Bernardo Fernández; o de Ourense, Álvaro Vila; o de Ferrol, Ángel Mato, ou os deputados María del Carmen Isidro, Silvia Longueira, Aitor Bouza, Carmen Rodríguez ou Julio Torrado. O líder dos socialistas galegos reclamou á Xunta máis investimentos en política lingüística e chamou a “facer moito máis” en defensa do galego. A Foliada contou cun xantar, música do Toxos e Froles e o humor de Susi Sampedro e Antón Coucheiro.












