Carmen Porta Losada, quen construíu cultura sen facer ruído
Os compañeiros lembran a pegada de Carmen, quen durante máis de trinta anos estivo á fronte da Biblioteca e do Arquivo Municipal de Ferrol

Hai persoas que non precisan alzar a voz para cambiar unha cidade. Persoas que traballan desde a discreción, lonxe dos focos, pero cunha determinación firme que deixa pegada durante décadas.
Así foi Carmen Porta Losada, quen durante máis de trinta anos estivo á fronte da Biblioteca e do Arquivo Municipal de Ferrol.
Nun tempo no que falar de cultura non sempre era sinónimo de prioridade, Carmen entendeu que unha biblioteca non é só un espazo con libros, senón un lugar de encontro, pensamento e acceso libre ao coñecemento. E traballou con convicción para facelo realidade.
Goberno tras goberno, chamou a portas, buscou recursos, solicitou axudas e defendeu con teimosía unha idea clara: que Ferrol merecía uns servizos bibliotecarios e documentais á altura da súa cidadanía. Non se conformou cun proxecto mínimo. Impulsou un modelo pioneiro de colaboración e intercambio de servizos con outras bibliotecas moito antes da creación dun catálogo conxunto en Galicia, sendo ademais a única biblioteca municipal que participaba daquela iniciativa. Tamén lle debemos a ela a biblioteca no edificio actual e boa parte da concepción aberta e dinámica coa que hoxe a identificamos.
Pero Carmen non só entendeu a importancia da lectura e do acceso á cultura. Desde o Arquivo Municipal traballou tamén pola conservación da memoria documental da cidade, consciente de que preservar os documentos, a historia e a memoria colectiva era tamén unha forma de construír futuro.
Tiña unha visión clara do que debían ser os servizos públicos culturais: próximos, accesibles e vivos. Fíxoo sempre desde un segundo plano. Nunca buscou protagonismo nin recoñecemento público. A súa maneira de estar era outra: traballar, insistir e construír. E, ao mesmo tempo, crear lazos invisibles pero sólidos con autoras e autores, lectoras e lectores, investigadoras e investigadores, e con todas aquelas persoas que entenden a cultura como un ben común.
Era, ademais, unha persoa fondamente respectada e querida no ámbito cultural local, especialmente por moitas escritoras e escritores que atoparon nela unha aliada discreta pero firme. Este mes sería o seu aniversario e, por ese motivo, queremos lembrar e poñer en valor a figura de Carmen Porta Losada, así como o seu traballo e a pegada que deixou na cidade. Porque hai legados que non se miden en titulares nin en recoñecementos oficiais. Mídense no que permanece. E no caso dunha biblioteca —e tamén dun arquivo— o que permanece é moito máis ca un edificio: é a posibilidade de pensar, aprender, investigar e medrar.
E iso, en gran medida, débese a ela. As persoas que compartimos tempo e espazo con Carmen non a esquecemos. Deixounos unha profunda pegada, non só a nivel profesional, senón tamén persoal.
Os seus compañeiros










