Pim Patinho: “Begoña Caamaño, mulleres de MNG e outras antimilitaristas viñeron no 1996 a Ferrol para facer unha acción”
A mestra de teatro, dramaturga e profesora de lingua lembra á homenaxeada nas Letras Galegas 2026 como activista, amais de escritora e xornalista
O pensamento feminista de Begoña Caamaño non soamente quedou impregnado nas letras que escribiu e na voz que emitía nas ondas radiofónicas. A escritora e xornalista tamén desenvolveu as súas ideas a través do activismo, que no seu tempo era ben distinto, sen Internet e sen redes sociais. Tal e como lembrou a mestra Pim Patinho, esta faceta tróuxoa a Ferrol xunto a outras integrantes de Mulheres Nacionalistas Galegas –MNG– e máis antimilitaristas, que realizaron unha acción reivindicativa na estatua do cabalo de Franco, xa antes da popular intervención que pintara ao dictador de rosa.
Begoña Caamaño integrouse nunha organización que, sendo consciente, ademais do feminismo, tamén estaba marcada polo independentismo, polo uso da lingua reintegrada e polo anticapitalismo, xa que se entendía que “o patriarcado e o capitalismo se beneficiaban mutuamente para seguir coa opresión das mulleres”.
“Unha das achegas, que non era novidade en Mulheres Nacionalistas Galegas pero que reforzou moito” foi a dimensión antimilitarista, nun contexto no que existía “un movemento moi forte de obxección de conciencia” e no que a protagonista formaba parte do consello de redacción da revista ‘Ar!’, fondamente caracterizada por este pensamento.
Por este motivo, “apoiaba os insumisos, pero como tiña analizado o feminismo, as mulleres tiñamos que ser insubmisas tamén por nós mesmas, non só apoiar aos homes, porque eramos directamente prexudicadas por unhas guerras que non declarabamos por unha estrutura militar que gastaba moitísimo en detrimento dos gastos sociais que iría máis a favor das mulleres e pola estrutura machista, mesmo dos exércitos, e tamén de sermos botín de guerra”, traslada Pim Patinho.
Esta compañeira da conta dun capítulo da historia de Begoña Caamaño ao seu paso pola comarca, que non ten que ver co recoñecemento do Día das Letras Galegas pero si se relaciona cunha filosofía inseparable do legado que deu pé a esta homenaxe: “mulleres de MNG e outras mulleres antimilitaristas viñeron a Ferrol no ano 1996 a facer unha acción que foi subirse ao cabalo de Franco”.

Precisamente, a mensaxe que desplegaron estas activistas, o 24 de maio, Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme, foi a palabra “insubmisas” plasmada nunhas faixas. Este acontecemento contou coa correspondente cobertura mediática na prensa, onde se publicou unha fotografía na que se cortaba a un grupo de interventoras metidas na auga da fonte, que participaron xunto ás cinco compañeiras que subiron ao alto, quedando rexistradas na nova da época. Entre elas estaba Begoña Caamaño, tal e como sinalou Pim Patinho.
Así mesmo, destaca que esta acción tivo lugar catro anos antes da que se realizou no ano 2000, precisamente o momento no que se abriu unha nova posibilidade. Esta chegaría a Ferrol da man de Lupe Ces, xa que, segundo Pim Patinho, foi "á primeira que lle escoitei que podiamos integrarnos na Marcha", referíndose á Marcha Mundial das Mulleres –MMM–, unha iniciativa nacida en Quebec.
A autora estaba "entusiasmada" con esta idea, que saíu adiante grazas á cooperación, da que ela era firme defensora: "unha muller de tender pontes, unha muller nada sectaria, unha muller que tiña moita mobilidade entre grupos", valora. "E nese 8 de marzo, con manifestación e despois festa feminista, aparece xa Begoña Caamaño e Ana Romaní lendo o manifesto desa Marcha Mundial", previo á constitución como tal aínda que "xa con esa idea de 2.000 razóns para marchar".











