Ecos de Begoña Caamaño ao seu paso pola comarca de Ferrolterra, a voz feminista do futuro
As Letras Galegas 2026 recoñecen o labor dunha autora revolucionaria que fixo historia con só dous libros editados
O proveito do Día das Letras Galegas constátase especialmente ao adicarse a persoas coma Begoña Caamaño (Vigo, 1964 – Santiago de Compostela, 2014), escritora e xornalista revolucionaria por deixar tras de si unha obra transformadora da realidade. Este xoves repasou a súa vida, cun legado que traspasa os seus dous libros editados e o seu infindo traballo en medios de comunicación, a profesora Pim Patinho, quen pode dar conta do seu paso por Ferrolterra e este venres 15 voltará lembrala nun acto en Valdoviño. Este encontro non será o único da xornada no que se convida a achegarse a esta muller atravesada manifestamente polo feminismo, pois no centro social Artábria a narradora oral Vero Rilo e o músico Luís Iglesias farán o mesmo a través do espectáculo ‘As mil e unha’.
Foi a Marcha Mundial das Mulleres a organizadora da homenaxe celebrada onte no centro cívico de Canido, a raíz da presentación da primeira novela de Begoña Caamaño, ‘Circe ou o pracer do azul’, na galería Sargadelos de Ferrol. Daquela, no 2010, o colectivo en rede internacional convocara a cita para dar a coñecer un libro que “fai da teoría feminista literatura”, sinala Pim Patinho, que acompañou á autora nesta e noutras incursións pola comarca.
| HOXE |
|---|
| Ferrol | 17.00h. Iria Pérez Muíño estará na entrada da biblioteca municipal até as 19.00 dando a coñecer a Begoña Caamaño a quen desexe achegarse, en encontros cunha duración aproximada de 5 minutos. |
| Esteiro | 19.30h. A narradora oral Vero Rilo e o músico Luís Iglesias revisitan a obra da escritora no espectáculo ‘As mil e unha’, que levan a Artábria con entrada libre e achega voluntaria (reservas no 614 205 672). |
| Valdoviño | 19.30h. Baixo o título de ‘Begoña Caamaño estivo aquí!’, Pim Patinho falará unha vez máis da autora homenaxeada na biblioteca municipal de Valdoviño, un acto que contará coa música de Maio. |
| Pontedeume | 18.00h. Un obradoiro infantil na biblioteca municipal Poeta Ramiro Fonte, en Pontedeume, da a coñecer o libro ‘Begoñísima’, con texto de Andrea Nunes Brións e ilustrado por Agustina Shuan. |
| O Barqueiro | 19.00h. No centro sociocomunitario do Barqueiro, no concello de Mañón, proxéctase o documental da RAG ‘Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul’, estreado na ESAD de Galicia, Vigo. |
En Ferrolterra
Seguindo algunhas das pegadas que deixou Begoña Caamaño pola comarca pódense coñecer os seus dous libros editados. O primeiro, ‘Circe ou o pracer do azul’ (2009), naceu a partir da lectura, sendo “moi noviña”, da ‘Ilíada’ e a ‘Odisea’, “unha obra que lle gustaba pero que, ela dicía, ‘tiven a sorte de que Homero non lle daba voz ás mulleres’”, lembra Pim Patinho, profesora de Lingua e Literatura Galega, mestra e directora de teatro ademais de dramaturga.
Para encher o baleiro, “sen alterar para nada” o relato orixinal, a escritora comezou a facerse preguntas para ir artellando a historia de Penélope e Circe, “unha historia que se vai entrelazando porque se basea nas cartas que unha lle manda á outra, e vai aparecendo un sentimento de sororidade entre elas, que é esa solidaridade feminista, neste caso proto-feminista”.
A violencia de xénero, o papel feminino nas guerras que nunca convocaron elas ou as mulleres como territorio a conquistar constitúen algúns dos “temas de actualidade, que son a base de teoría feminista”, que nesta obra aparecen novelados, e ademais “dunha maneira maxistral”.
Esta admiración, sumada á súa amizade, posibilitou a visita da escritora ao IES Ricardo Carvalho Calero, en Caranza, onde Pim Patinho traballaba e establecera como lectura obrigatoria ‘Circe ou o pracer do azul’ para distintas xeracións de alumnado. A profesora lembra non ver na aula un ambiente motivado co libro, polo que avisou á autora. Contra todo o que imaxinaba, “chegou Begoña, empezou a falar de ti a ti con todos eles, e comezaron a facer unha cantidade de preguntas intelixentes que eu alucinaba; tendeuse un debate boísimo, impresionante, e estaban todos encantadísimos”, expresa.
O outro libro, que tamén presentou en Ferrolterra con Pim Patinho en dúas ocasións, é ‘Morgana en Esmelle’ (2012). Neste caso, continúa a liña de pór voz ás mulleres dun relato clásico “con moito peso dentro de Europa” como é a lenda do rei Artur, incluida na “mitoloxía atlántica, que é esa mitoloxía céltica, con materia de Bretaña que temos tamén en lingua galega desde a época medieval”.
Nesta historia, meigas “malas” no mito como Viviana e Morgana, que representan “como non se debería de ser”, serven para expor algunhas das mesmas temáticas que xa tratara na anterior novela e outras novas. Unha é “o sentimento da culpa, como que temos que ser responsábeis dos nosos actos e ver que moitas veces teñen consecuencias, que nos doa tamén o sufrimento que podemos provocar noutras persoas” xa que, de non telo en conta, “nos converteriamos en tiranos”. Así mesmo, o popular Merlín transfórmase “nunha persoa que ten unha ideoloxía dentro do pensamento único, que ten moito que ver coa chega do cristianismo como unificación, simplemente para que haxa paz e para manter a xente na súa ignorancia”, explica a mestra.
“Pode ter moitísimas lecturas”, sinala, e, “nese sentido, é un libro un pouco máis incómodo porque creo que nos interpela moito a cada un de nós”. Un relato “bonito pero duro” que tamén colleu parte do ‘Merlín e familia’ de Álvaro Cunqueiro, como pode constatarse na aparición de Felipe de Amancia, un personaxe que fala “exactamente” igual á caracterización do escritor de Mondoñedo, ou na ambientación en Esmelle que xa se destaca no título. En relación con este territorio, amais de presentar a obra en Valdoviño, tamén chegou da man de Begoña Caamaño e Pim Patinho ao local da asociación veciñal de Esmelle. “Chamárona porque era o único topónimo que existía na Galiza” con ese nome, polo que, dende ese momento, non había dúbida de que o escenario era o da parroquia ferrolá.
Referenciando a particularidade ter publicado soamente dúas novelas, aínda que con outras inconclusas, Pim Patinho valora que “o que fixo de Begoña é absolutamente novidoso, porque ten unha calidade literaria altísima e despois, que utiliza a lingua dunha maneira maxistral, dunha maneira poética, dunha maneira moi rica e creo que foi unha achega importantísima para a literatura da galega”.
Xornalismo
Fóra destes libros, non se pode obviar para o recoñecemento do Día das Letras Galegas a cantidade de textos xornalísticos publicados pola autora en distintos medios de comunicación como Festa da Palabra Silenciada, Deliberadamente, A Nosa Terra ou Tempos Novos. Do mesmo xeito, na súa traxectoria destaca o seu traballo radiofónico, que desenvolveu maioritariamente na Radio Galega, e do que Pim Patinho resaltou ‘Andando a terra’, un dos seus últimos proxectos neste eido: “a min paréceme poesía pura e que reflicte a ideoloxía de Begoña de celebrar o mundo en toda a súa marabillosa diversidade”, sinala, lembrando a dimensión máis persoal dunha persoa “divertidísima” marcada polo sorriso e a súa “capacidade de desmontar argumentos” botando man da ironía.
Naquel programa tamén destacaba a música “que preparaba a súa amiga Uxía Senlle”, a mesma que leu a carta de despedida escrita por Caamaño antes de finar, nunha homenaxe no cemiterio compostelán de Boisaca, e que vén de publicar o libro-disco ‘Indómitas’ na súa lembranza.
A partir do 2017, o labor de Begoña Caamaño recórdase co premio homónimo creado pola Deputación da Coruña para recoñecer a promoción da igualdade de xénero dende a cultura, e grazas á homenaxe da RAG están a xurdir numerosos formatos e publicacións, como a que está por vir coa recompilación dos seus textos xornalísticos, que rexistran a incalculable achega de Begoña Caamaño.











