Cumprida a homenaxe ás Mulleres Bravas que custodian a memoria de Canido
Virucha, María Jesús, Maru Seoane, Maru Fernández, Chitola, Rosita, Tere, Tita Martínez, Lola Landeira e Carmen foron as protagonistas

No local da Sociedade Recreativa e Deportiva –SRD– de Canido cumpriuse este mércores, un ano máis, coa conmemoración que se rinde a un grupo de veciñas que se convertiron co paso dos anos nunha icona do barrio, un territorio do que poden falar de primeira man. Estaba previsto que o acto se celebrara no marco dos Maios, mais tivo que aprazarse por mor do falecemento dunha destas Mulleres Bravas, Maru Seoane, a quen se homenaxeou xunto a Virucha, María Jesús, Maru Fernández, Chitola, Rosita, Tere, Tita Martínez, Lola Landeira e Carmen.
O tecido asociativo de Canido destacou a traxectoria e a contribución deste grupo de mulleres ao seu barrio, do que poden dar conta da orixe de numerosas celebracións ou costumes que a día de hoxe son identitarios deste territorio. Tal e como estaba previsto na programación dos Maios, este acto de homenaxe celebrouse acompañado dunha chocolatada interxeracional, que ao mesmo tempo continúa a tradición e dá a coñecer ao colectivo aos máis novos.
Neste evento entregouse unha placa conmemorativa ás protagonistas, aínda que nalgún caso xa non se atopen entre nós, polo que a xornada tamén constituíu un encontro para a lembranza daquelas veciñas que se gañaron o alcume de “bravas”.










