Pim Patinho e a Begoña Caamaño que coñeceu, en Ferrol e Valdoviño
A profesora de lingua, dramaturga e mestra de teatro participa en dous actos das Letras Galegas da comarca, despois do que organiza a Sociedade Cultural Medulio este mércores 13
O Día das Letras Galegas deste ano dedícanse á escritora e xornalista Begoña Caamaño, e unha das persoas que máis pode falar dela dentro da comarca é Pim Patinho, profesora de galego xubilada, dramaturga e mestra de teatro. Xuntas estiveron presentando hai anos dúas obras emblemáticas da autora homenaxeada, ‘Circe ou o pracer do azul’ e ‘Morgana en Esmelle’, en Ferrol e Valdoviño, onde volverán estar presentes, nun caso fisicamente e noutro de espírito, o xoves 14 e o venres 15.
Foi no ano 2010, tamén no mes de maio, cando Pim Patinho acompañou a Begoña Caamaño, en nome da Coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, na presentación dese libro no que rescatou á Circe e á Penélope da ‘Odisea’ de Homero para poñelas no centro do seu relato.
Aquel encontro celebrárase na galería Sargadelos ferrolá e, desta volta, a profesora exporá á autora que coñeceu persoalmente, non só como creadora literaria e xornalística senón tamén como activista feminista implicada na implantación da MMM na Galiza, no centro cívico de Canido, o xoves 14, ás 19.00.
Outro título destacado é o que presentou, dous anos despois e tamén con Pim Patinho, no auditorio da Casa da Cultura de Valdoviño, ‘Morgana en Esmelle’, que comparte co anterior o feito de reinterpretar unha historia clásica, neste caso partindo do mito artúrico, para propoñer unha reflexión sobre a sociedade contemporánea dende unha perspectiva feminista.
Patinho voltará o venres 15 a o concello de Valdoviño para repasar esta visita e para continuar divulgando a faceta de activista da homenaxeada, nun acto que se presenta baixo o título de ‘Begoña Caamaño estivo aquí!’, e que terá lugar na biblioteca municipal, a partir das 19.30 horas.
Ademais, esta cita contará coa música de Maio, un proxecto composto por Lorena Hermida e Jorge Casas, e que se enmarca no programa ‘Valdolingua IV. Máis Lingua, Máis Letras. Begoña Caamaño Estivo Aquí’.
Mércores 13
No Antigo Hospicio será outra profesora de lingua, Elvira Roiz, quen presente un audiovisual proposto pola Sociedade Cultural Medulio, o mércores 13, ás 19.00 horas. No acto repartirase un caderno cun perfil biográfico e textos xornalísticos, e rematarase con música a cargo de Padín e Sabela (guitarra e voces), Roger de Flor (voz e guitarra), Nico (acordeón) e Alberte Maceiras (saxofón).











