Manolo Rivas vén á cidade para falar co xornalista Xosé Fandiño na capela do Torrente Ballester
Entre os temas a tratar estará ‘Tras do ceo’, o libro polo que o escritor obtivo o Premio de la Crítica Española

O programa dos ‘Faladoiros Literarios’, que impulsan en conxunto o Concello de Ferrol e o Campus Industrial da UDC, acadará este martes 12 a súa penúltima sesión. Este encontro, aberto ao público con entrada libre até completar a capacidade, estará protagonizado polo escritor Manolo Rivas e o xornalista local Xosé Fandiño, que conversarán na capela do centro cultural Torrente Ballester a partir das 19.00 horas.
Nesta ocasión, o convidado, tamén cunha traxectoria xornalística en medios como El Ideal Gallego, El País, Televisión de Galicia e La Voz de Galicia, iniciada dende moi novo tras licenciarse en Ciencias da Información na Universidad Complutense de Madrid, falará co subdirector de Diario de Ferrol.
Por este motivo, durante o faladoiro repasarase a relación de Rivas co xornalismo, amais de reservar un espazo tamén para o seu último libro, ‘Tras do ceo’, polo que recibiu o Premio de la Crítica Española (2024), o mesmo ano que obtivo o Premio Nacional de las Letras Españolas polo seu percorrido.
Así mesmo, este novo ‘Faladoiros Literarios’, pensados para promover un lugar de encontro entre autores e público arredor da actualidade cultural, abordará outros aspectos como o papel dos escritores e escritoras na sociedade contemporánea, a periferia como espazo dende o que expresar o seu compromiso e da literatura como “arte que máis liberdade ofrece a quen a practica”.
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) destaca por escribir fundamentalmente en galego e ter sido considerado unha das sinaturas máis relevantes da literatura en Galicia, cunha parte importante da súa obra trasladada ao cinema e á televisión, como por exemplo ‘Vivir sen permiso’. Algúns dos seus títulos que fixeron historia son ‘Que me queres, amor?’ e ‘O lapis do Carpinteiro’.












