Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Exposición

Visitar a antoloxía de Xoán Braxe é ver a humanidade a través das súas mans

Dende a revolta dos Irmandiños até as mortes en Gaza, a arte deste ferrolán fuxe de banalidades e conecta co real

Exposición de Xoán Braxe,Torrente Ballester
Unha das series máis recentes creadas por Xoán Braxe
Martín Barreiro
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

‘É humanidade’ é como se deu en chamar a selección antolóxica de Xoán Braxe que xa está dispoñible no Torrente Ballester. Nado en Caranza cando aínda era unha aldea, o autor de esculturas públicas como o monumento ao Dez do Marzal ou a fonte da Ranita demostra a través da súa obra que hai historias “sen caducidade”, tal como referencia unha das pezas expostas, que aínda que se aplica á situación en Siria, nesta selección o visitante tamén pode trasladarse a outros puntos do planeta ou quedarse en Ferrol.

Fai arredor de 25 anos que a súa obra foi exposta entre estes mesmos muros que un día foron o Hospital de Caridade, cunhas dimensións incluso maiores das que ten a mostra actual, composta por 120 pezas que se seleccionaron das 239 propostas inicialmente.

Naqueles tempos, concretamente no ano 1999, tamén lle rendiu tributo cunha antoloxía o Ateneo Ferrolán, unha entidade para a que colaborou elaborando numerosísimos carteis, folletos e programas de temáticas tan diversas como as vogalías coas que contaba a asociación: historia, ecoloxía, feminismo... entre outras como a que ocupou Braxe, de artes plásticas.

Na entrada da exposición atópase unha vitrina cunha selección destes traballos, xunto cun par de maquetas de barro que lle serviron de modelo para outras obras expostas no andar superior. Mais, o paso de Xoán Braxe polo Ateneo está moito máis presente na súa produción do que cabería pensar.

Moi preto da entrada, a súa última escultura, unha arte que tivo que deixar máis de lado, polo menos nun formato grande, do mesmo xeito que o gravado, debido aos produtos químicos que utilizaba, aínda que continúa activo creando e innovando. Así mesmo, a sala contigua, a única que está apartada do resto, aproveitouse para agrupar unha selección máis íntima, na que o seu círculo poderá recoñecer algunhas caras ou recordos asociados á familia, aínda que esta parte é minoría.

Camiño

Xoán Braxe formouse durante un ano con Carlos Villaamil, xusto antes de que enfermara de cancro, polo que comezou pintando paisaxes nunha primeira etapa “moi clásica” coa que decidiu rachar, canso de facer o que non lle enchía. De feito, o desapego coa súa obra é unha constante: “despois de cada exposición solía romper toda obra que non me gustara”, declara. “E queimala tamén”, engade a súa filla Beatriz, que axudou na mediación e colocación da mostra, co asesoramento do responsable do Torrente Ballester, José Liñeira.

Debido á súa timidez, relata, foi a través dun amigo pintor, José Francisco, que Braxe comezou as ansiadas clases co seu seguinte mestre, Ricardo Segura Torrella, con quen afianzou coñecementos e quen lle deu “un impulso importante”, a pesar de que as leccións non acadarían máis de seis ou sete meses.

O seu camiño é o dun artista que “me fun facendo a base de lecturas e de ver as poucas exposicións que me interesaban de aquí”, entre as que poñía no “número 1” as de Torrella. Chegado a un punto, pois as datas non son o seu, decatouse de que estaba a experimentar “o que lle pasa á maioría dos alumnos de Ricardo”, que en lugar de influenciar a súa obra estábaa “absorbendo”.

Así, no momento que se afastou, no sentido artístico, “foi o Ateneo o que me axudou a min”, e non o contrario, xa que ao entrar “en contacto con xente, compañeiros de Bazán que estaban concienciados co asunto da cultura”, foi espertando un movemento obreiro na cidade que contribuíu á construción dunha voz propia.

Braxe comezou a falar do mundo e a posicionarse políticamente a través das súas creacións, tocando temas como o militarismo e as guerras, as mareas negras do Prestige, a revolta dos Irmandiños, os mariscadores reconvertidos do sector naval ou os intereses que hai tras os incendios nos montes galegos.

Este último exemplo é un de tantos que teñen relación coa ecoloxía, unha das súas temáticas predilectas, que ao mesmo tempo podería conectarse coa súa metodoloxía. Quen se aproxime á produción de Braxe poderá percatarse do uso de materiais reciclados, sempre cun sentido, como pode constatarse particularmente ao adentrarse no primeiro andar: refugallos que aportan volumes e mensaxes, entre os que destacan recortes de prensa que o propio artista anima a non pasar por alto, xa que achegan información valiosa para entender tanto a propia peza como un contexto que semella non cambiar por moitos anos que transcurran.

Do mesmo xeito, boa parte da súa escultura viuse condicionada precisamente polo material do que dispoñía este carpinteiro de ribeira de profesión, o que pode constatarse en exemplos como unha “bailarina” situada no corredor, que foi o produto resultante dunha madeira de limoeiro que chegou ás súas mans. O feito de manter ese traballo remunerado á marxe da súa faceta artística deu lugar a unha liberdade total para practicar e xogar con múltiples posibilidades, que non existirían no caso de estar pendente dunha sinatura e as súas vendas.

As probas e os erros deron pé á maior parte das aprendizaxes que foron necesarias para poder desenvolver unha traxectoria como a de Braxe, que abrangue disciplinas como o debuxo, a pintura, a escultura e o gravado con distintos materiais e mesturando técnicas. Apoiado na súa pulsión inconformista, de libros de Picasso aprendeu que unha das peores cousas que podía facer era copiarse a si mesmo.

Entre as distintas técnicas que se exhiben na exposición, a acuarela é a máis recente porque durante décadas non topou nela a forza expresiva que lle requiría. Deixou de obviala cando, a base de práctica e de aprender lendo ao acuarelista uruguayo Álvaro Castagnet, unha referencia internacional neste eido, conseguiu empregar estas tinturas dun xeito particular. Dando conta disto, na mostra dispuxéronse algunhas parellas de pezas nas que se poden comparar distintas cualidades á hora de transmitir sensacións, como por exemplo, a barbarie que se vive en Gaza.

“Sempre hai detrás uns intereses”, sinala Xoán Braxe sobre un elemento predominante na súa obra, tanto en gravados e pinturas como en esculturas como as que rechaman dispostas nunha sala negra, a derradeira do percorrido que fará o visitante. Trátase das mans, unha parte do corpo cunha carga expresiva enorme para as persoas, que ademais aproveita artísticamente para simbolizar a intervención humana en causas diversas.

O público poderá visitar a mostra ‘É humanidade’, en principio, até o día 5 de xullo, aínda que o inicio das obras que están previstas para transformar o centro cultural Torrente Ballester nunha das sedes do Museo de Ferrol poderían adiantar o peche da exposición, segundo adiantaron.

Do mesmo xeito, haberá que estar pendentes á organización dunha posible visita guiada que, como ocorreu coas anteriores exposicións das salas Fernando Álvarez de Sotomayor e Maruja Mallo, precisamente, da Asociación Amigos do Museo e de Ricardo Segura Torrella, cambian por completo o percorrido.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620