Unha semana intensa de Letras Galegas por Ferrol, Eume e Ortegal
Exposicións, obradoiros e outras actividades renden homenaxe a Begoña Caamaño nos vindeiros días
Este luns 11 éntrase de cheo na semana das Letras Galegas, coa xornada grande coincidindo este ano en domingo, un día que a RAG dedica á escritora e xornalista Begoña Caamaño, cunha obra fondamente marcada polo seu pensamento feminista. Algunhas entidades de distinto tipo xa celebraron as súas conmemoracións, como a Escola Oficial de Idiomas de Ferrol ou o Círculo Cultural Recreativo de Perlío, mais nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal aínda están por chegar actividades con motivo do 17 de maio, como obradoiros, exposicións ou concertos.
O Concello de Ferrol reserva o acto homenaxe a Caamaño para o propio domingo 17, na AVV de Mandiá, aínda que xa dende este venres 8 se poderá gozar de dúas mostras: ‘Ferrol nas Letras Galegas’, na praza de Armas, e ‘Vida e obra de Rosalía de Castro’, no centro Carvalho Calero.
Adiántase a Sociedade Cultural Medulio, que o mércores propón achegarse ao Antigo Hospicio para a proxección dun audiovisual sobre a autora, presentado pola profesora de lingua Elvira Roiz, e o concerto de Padín e Sabela. Ademais, repartirase un pequeno caderno ao público que inclúe unha selección de textos xornalísticos.
Tamén antes do domingo 17, co día grande na praza da Lectura, o Concello de Narón convida á proposta musico-literaria ‘Repunantas’, o xoves no Café Teatro.
A comisión de festas de San Roque organiza en Ares a II Festa das Letras Galegas o sábado, na praza da Constitución ou no mercado en caso de mal tempo, á 13.00 con Trouleada e ás 18.30 horas con Pakolas, poñendo a disposición comida tradicional e hamburguesas.
Moeche tamén comeza a celebración o sábado co inicio dunha exposición no castelo e unha homenaxe a Begoña Caamaño, ás 12.00 horas no mercado, no que se sortearán varias obras súas. Ás 12.30 haberá unha charla da antropóloga Ana Figueiras e ás 18.00 Teatro Ghazafelhos actuará no Francisco Piñeiro.
O mesmo sábado, en As Pontes, haberá un concerto con motivo das Letras no Cine Alovi, ás 19.00 horas, e en Pontedeume celebrarase o tradicional Cortexo Cívico o domingo.
En Mañón, este luns 11 estréase a exposición de Begoña Caamaño na biblioteca e o documental producido pola RAG. Este ano proxectarase no centro sociocomunitario do Barqueiro o venres, ás 19.00, antes de continuar a programación o día 22.
Obradoiros
O luns 11, ás 17.30 na Casa da Xuventude de San Sadurniño, haberá un taller de “lettering” para xente entre 12 e 30 anos, con inscrición previa na biblioteca.
O martes, ofrecerase un obradoiro de encadernación xaponesa para adultos na biblioteca de Ortigueira, ás 17.00, apuntándose tamén antes no centro.










