‘Depósitos de ancestralidade’ deconstrúe o realismo máxico galego e preséntase en Ferrol
O autor, Pablo Pesado, estará con Daniel Amarelo na Central Librera da rúa Dolores este mesmo venres 8

‘Depósitos de ancestralidade. Historia crítica do realismo mágico galego’ é o título completo da obra que se presentará este mesmo venres 8, ás 19.00 horas, na Central Librera da rúa Dolores. O autor, Pablo Pesado, estará acompañado por Daniel Amarelo para debullar os detalles desta nova obra publicada por Laiovento.
O escritor deconstrúe neste libro, dende unha perspectiva histórica, un dos conceptos máis repetidos no ámbito da cultura galega como é ese realismo máxico propio. Ao longo do ensaio, demóstrase como este fenómeno procede de fóra das nosas fronteiras e como foi importado seguindo intereses políticos e literarios.
Segundo se relata no exemplar, sinaturas como a de Álvaro Cunqueiro e títulos como ‘La saga/fuga de J.B.’, de Torrente Ballester, veríanse afectados por este proceso, no que o sistema literario español atoparía en Galicia un terreo onde enmarcar o seu “outro interno” exótico, en vistas do éxito incontestable que tivera o chamado boom latinoamericano.
“Depósito de ancestralidade” é un concepto que introduce Pablo Pesado para explicar o xeito en que “unha comunidade sociocultural dominada se converte nunha mina de recursos imaxinarios para o mercado cultural”.










