Ferrol, primeiro destino tras a estrea impactante do documental ‘1846 Revolución Galega’
Este mesmo xoves 30 proxéctase no Antigo Hospicio a cinta que impactou a un Teatro Principal de Santiago de Compostela ateigado

A historia rexistrada até o momento sobre o movemento nacionalista vén de mudar absolutamente coa investigación do profesor César Caramés, que asina o documental ‘1846 Revolución Galega’. Despois dunha louvada estrea nun Teatro Principal de Santiago de Compostela ateigado, a primeira proxección realizarase este mesmo xoves 30, ás 19.00 horas, no salón de actos do Antigo Hospicio de Ferrol, e contará coa presenza do director, co que se abrirá un coloquio ao remate desta produción da Fundación Galiza Sempre, co apoio da Deputación da Coruña.
Da estrea Caramés resalta por riba do número de persoas “o efecto que produciu: foi impactante, estiveron aplaudindo moitísimo tempo e berrando incluso”. Nisto concorda Francisco Rodríguez, catedrático de Lingua e Literatura que sae no filme e tamén estivo na estrea, e membro da Sociedade Cultural Medulio, que colabora neste pase. Por este motivo, presentará ao director a presidenta da asociación, Luisa Sánchez Meizoso.
Descuberta
Para dar conta da orixe de toda esta revelación, Caramés lembrouse do médico do seu concello, Moraña, “un auténtico sabio, coma o druída que temos aquí”. No arquivo municipal, que ten realmente “controlado”, o sanitario topouse hai 12 anos co dato de que o alcalde “fora represaliado en 1846 por participar no levantamento de abril”. Deste xeito espertou a curiosidade sobre o que sempre se pensou que fora “un pronunciamento militar máis”, que fracasaría “rapidamente”, rematando co fusilamento dos dirixentes, e que despois sería “galeguizado polo nacionalismo”.
O que se sabía dos acontecementos de 1846 chocaba coa implicación dun alcalde dun concello “tan pequeno”. Así, César Caramés colleu o extremo dun fío que o levaría a descubrir cuestións como a “participación popular extraordinaria” que houbo por toda a provincia de Pontevedra ou o “pensamento avanzadísimo para a época dos provincialistas dos anos 40” que seguía o grupo dirixente, constituíndo o que serían “os primeiros socialistas do Estado español”.
Segundo relata o investigador, no 1842 xa defendían “a emancipación completa das mulleres” e, en comparación cos referentes nacionalistas que virían despois, nomeando a Rosalía e Murguía como exemplos, “eran infinitamente máis radicais; de feito, son claramente independentistas, nos seus escritos e no que di a prensa sobre eles”.
En relación coa súa pegada mediática, a máxima sorpresa vén ao saber dunha “repercusión insólita a nivel internacional”, apunta Caramés. Nomeándoa como “a insurrección” de Galicia, a revolta “aparece na prensa austríaca, nos Estados alemáns, na francesa, na belga, na mexicana, na estadounidense, na brasileira, na británica...”, compoñendo así algunhas das principais fontes de documentación, que tamén incluíron o arquivo militar de ferrolán. Foron “centos e centos de noticias sobre isto” que evidenciaron o feito de estar ante unha etapa que cambia por completo a historia coñecida.
Protagonistas
A rodaxe do documental implicou dar volta ao territorio galego, gravando imaxes en Ferrol mais tamén noutros concellos como o da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Rábade, Riós, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa ou Vigo, todos vencellados a unha parte da historia.
O doutor en Filoloxía Románica ferrolán Francisco Rodríguez, que ten unha gran cantidade de títulos de diversas temáticas relacionadas co nacionalismo, responde fundamentalmente a tres aspectos na película: a cuestión do uso da lingua por parte dos independentistas que protagonizaron aquela Revolución Galega, a concepción de “nación natural” que “aínda estaba moi viva” no 1846 e “como sempre en Galiza aparece a resistencia”, chegando incluso até a actualidade con este traballo que restaura un anaco máis de “como foi a verdade histórica”, valorou o catedrático.
Rodríguez é unha das figuras expertas que saen no trailer, así como Isidro Dubert, catedrático de Historia Moderna; Marga do Val, profesora e escritora estudosa de Otero Pedrayo, quen xa falara da Revolución Galega na novela ‘Os camiños da vida’; Xurxo Martínez, doutor en Filoloxía Galega, “que quizáis é quen máis sabe de Antolín Faraldo, o líder revolucionario e nacionalista desta xeración”, lembra Caramés; Juan Renales, doutor en Filoloxía Románica e profesor madrileño, que é “o maior especialista que hai sobre Vicetto”, o ferrolán “abertamente independentista” nomeado fillo predilecto no 2024, que foi fundamental “para coñecer o pensamento da xeración do 46”; Francisco Prieto, doutor en Teoloxía e Arcebispo de Santiago; Antom Santos, doutor en Historia e investigador; Manuel Gago, doutor e profesor en Ciencias da Información que guía un percorrido por Compostela; X. Ramón Veiga, doutor e profesor de Historia Contemporánea; Camilo J. Cortizo, doutor e profesor de Historia Moderna; Goretti Sanmartín, doutora e profesora de Filoloxía Galego-Portuguesa, e Suso de Toro, escritor e profesor.
Esta escolma realízase entre as 17 entrevistas en total que se poderán ver na proxección de ‘1846 Revolución Galega’, que deixa fóra outros especialistas como Ascensión Cambrón, profesora emérita de Filosofía do Dereito que investigou sobre Ramón de la Sagra, ou ao doutor en Historia Contemporánea Uxío-Breogán Diéguez.










