A ‘Revolução dos Cravos’ encheu Ferrol de caraveis, ‘grândolas’ e memoria do triunfo antifascista
O 52º aniversario do 25 de abril de 1972, data na que caeu a ditadura en Portugal, celebrouse este sábado na cidade
“Em cada esquina, um amigo/ Em cada rosto, igualdade/ Grândola, Vila Morena/ Terra da fraternidade”. Ferrol non é Portugal, pero este sábado, 25 de abril, a cidade naval tendeu pontes no tempo e na distancia para facer memoria un ano máis lembrando a Revoluçao dos Cravos no seu 52º aniversario, un fito da loita antifascista que acabou con medio século de ditadura no país veciño.
No 137 da rúa Real está o recuncho ferrolán máis portugués ou, se cadra, a máis ferrolá de todas as cafeterías portuguesas. No Lusitânia volveron os caraveis vermellos ás mesas e á súa famosa “lousa”, mais tamén a melodía revolucionaria na voz de Zeca Afonso. A lisboeta Sofia do Carmo Rosa capitanea o establecemento xunto ao seu marido Antón Salgado, a punto que cumprir unha década de actividade na cidade.
“Os galegos están moi concienciados co que supuxo o 25 de Abril en Portugal, a xente recibe moi ben o recordo dese día, encántalle, e coñecen perfectamente a historia”, confirma ela, que tiña dous anos cando caeu Salazar. “Eu era pequena, pero para a miña familia foi todo: liberdade, alegría, saír dunha ditadura... E como o fixeron, sen violencia”, sostén Sofia.
Máis 25 de Abril
Lembra que na rexión do Alentejo, onde naceu seu pai, o final daquel medio século de escuridade trouxo consigo “avances moi importantes. Vivíase moi mal, sobre todo no interior, o litoral estaba un pouco mellor, pero pouco menos... Para os meus pais foi moi importante”, admite á vez que reflexiona que agora, nestes momentos que estamos vivindo no mundo, precisamos que “veñan máis 25 de Abril”.
Namentres, desde o ‘Lusi’, ademais dun anaco das características “calçadas”, se poden atopar os famosos “pastéis de nata” entre outros moitos doces do país luso, así como viños e, por suposto, “o café, o máis importante”.
De Esteiro a Canido
No barrio de Esteiro tamén houbo lembranza da revolución de man da Associaçom Cultural Artábria, que organizou onte unha dobre cita. Por unha banda, desde a unha da tarde puideron escoitar a actuación do Coro do Beco no local da entidade (Travesía de Batallóns, 7), que conduciu o canto colectivo do ‘Grândola’ do público que acudiu. Ademais, desde as dúas e media celebrouse un típico xantar portugués a base de “salgados, bifana picante à moda de Porto, natas e vinho verde”, explican.

Tampouco Canido deixou pasar a oportunidade de conmemorar a data da Revoluçao dos Cravos durante toda a xornada. A Asociación Sociocultural Muíño do Vento foi quen organizou o programa de actos, festexando tamén os seus trece anos de traxectoria tecendo redes culturais desde o barrio para toda a cidadanía.
Trece 25 de Abril
Logo dun xantar de convivencia para as persoas asociadas no local da SRD Canido, ás 17.30 cortaron a cinta inaugural da mostra ‘Trece anos de Muíño’ na sala de exposicións do centro cívico de Canido. Trátase dunha compilación das fotografías das súas xuntanzas polo 25 de Abril nestes 13 anos.
Así mesmo, houbo unha lectura de poemas e, ás 19.00 horas, culminaron o día cantando en colectivo o ‘Grândola, Vila Morena’, a canción que homenaxea a fraternidade da veciñanza dese municipio, prohibida polo réxime de Salazar e transmitida en Rádio Renascença na madrugada como sinal para confirmar o inicio dunha revolución que 52º anos despois segue emocionando.











