Última chamada da Feira do Libro de Ferrol, que abre as actividades finais cunha presentación musical
Esta é a derradeira xornada dun espazo “infinito” que brota cada mes de abril e que xa rexistra unha concorrida edición
Baixo o lema ‘A porta a universos infinitos’ abren as casetas instaladas estes días na praza da Constitución, aínda hoxe como derradeira xornada da Feira do Libro de Ferrol, un espazo de encontro para escritores e escritoras cos seus lectores, e tamén a máis importante celebración da lectura e da cultura, que xa rexistra unha concorrida edición máis antes de ter rematado. Se este mesmo sábado inaugurou a carpa de actividades a homenaxe colectiva a Ramón Otero Pedrayo organizada polo Ateneo Ferrolán, o domingo 26, o foco apuntará de novo á pregoeira que deu inicio ao programa o xoves, a escritora e profesora Cristina Otero Correa.
Otero Pedrayo
Xabier M. Dongil e Manuel Cendán, da directiva do Ateneo, conduciron o acto conmemorativo que contou con música tradicional e coa colaboración da Fundación Otero Pedrayo e o Concello, polo que tamén interviu o concelleiro de Cultura, José A. Ponte Far. As protagonistas foron as seis lecturas de textos do autor, que foron do máis diverso en contidos e formatos. Por orde, recitaron as súas seleccións Ánxeles Seoane, Aroa Fandiño, Marián Rey, Henrique Dacosta, Paula Castro e Rita Tojeiro.

Pola tarde, 2plicas ofreceu o contacontos musical ‘Oto o xigante comenubes’, unha historia que Jose Manuel Legazpi tamén levou á caseta da libraría Day. Ademais, o dúo creativo formado por Fidel de Tovar e Dani Bermúdez, xunto a Bruno Lorenzo Teijo, falaron da experiencia de crear manga no ámbito estatal.
Encontros
‘Xanelas ao mundo’ é o libro de narrativa xuvenil que publicou no 2025 Cristina Otero, que co ilustrador do mesmo, Sergio Sande, realizará unha presentación musical, ás 11.45 deste domingo. O exemplar propón unha viaxe arredor do planeta polos ritmos e sons propios de cada territorio.
Ás 12.30 comezará o obradoiro ‘Xogamos co porquiño do San Martiño’, con Iria Bermúdez e Macarena G. Vicente, e ás 17.30 Teatro Gazafelhos representará para o público familiar ‘Contos de lobo’. A carpa de actividades pechará coa presentación da tradución versificada en galego de ‘Medea e Fedra de Séneca’, ás 18.30, da man de Fernando Domènech (tradutor) e Carmen Lema (neuróloga e filóloga).










