A Feira do Libro abrirá este sábado cunha homenaxe polo “ano oteriano” 2026 e outras citas
Na carpa de actividades haberá teatro musical e un encontro arredor da creación de manga no ámbito nacional
A primeira Feira do Libro de Galicia, a de Ferrol, acada a segunda metade da programación este mesmo sábado 25. Até o domingo permanecerá aberta ao público a iniciativa na praza da Constitución, no Cantón, onde un total de 10 librerías e editoriais participantes abren “a porta a universos infinitos”, ofrecendo sinaturas de exemplares por parte de autores e autoras e actividades como a que inaugura esta xornada, unha lectura-homenaxe a Ramón Otero Pedrayo.
Aínda que a apertura das casetas está programada para as 11.00 horas todos os días, hoxe a acción comezará ás 12.00 coa devandita conmemoración, que irá precedida de música tradicional galega, motivada pola escolla deste 2026 como “ano oteriano”. Neste acto que conta coa colaboración do Ateneo Ferrolán e a Fundación Otero Pedrayo ocuparanse das lecturas Ánxeles Seoane, Rita Tojeiro, Henrique Dacosta, Aroa Fandiño, Paula Castro e Marián Rey.
Precisamente á mesma hora está previsto que asinen exemplares Lola López Menéndez, na caseta de Galgo Azul; Julio Rilo, na da libraría Estraviz; Natalia Corbillón, na de Day, e Paula Merlán, na da Central Librera Real. A programación da feira retomarase na quenda da tarde (que abrangue até as 21.00 hoxe e as 20.00 mañá), a partir das 17.00, co contacontos musical ‘Oto o xigante comenubes’ a cargo da academia 2Plicas.
Esta actuación de teatro musical desenvolverase na carpa de actividades, onde Fidel de Tovar e Dani Bermúdez, acompañados por Bruno Lorenzo Teijo, conversarán na sesión titulada ‘A experiencia de crear manga no panorama nacional’, ás 18.30.
Sinaturas
Os escritores e escritoras que asinarán os seus libros nas casetas, amais dos catro da quenda da mañá, continúan pola tarde no posto da Central Librera Real. Neste espazo agardará Rober Cagiao a partir das 17.00 horas e Teresa Cameselle ás 19.00.
Non obstante, antes será Francisco Narla quen dará continuidade ás dedicatorias na caseta da libraría Day (17.30 horas), onde tamén estará Jose Manuel Legazpi co seu ‘Oto o xigante comenubes’ (19.30), que xa se deu a coñecer en formato teatral. Ademais, ás 18.00 repetirá Paula Merlán en Estraviz e ás 19.00 Nerea Gómez e Xosé Manuel Varela (coautores de ‘Begoña Caamaño’ con Icía Varela), no posto de Embora.








