‘A Coruña: porto negreiro’, e “irmán” do de Ferrol, preséntase en Artábria como preludio a unha segunda mostra
O proxecto de investigación de Zinthia Álvarez e Cristina Botana despunta polo seu enfoque práctico de achega ao público

‘A Coruña entre Memorias: Historia, Colonialismo e Identidade’ é o nome do proxecto dirixido por Cristina Botana (@cristina_botana) e Zinthia Álvarez Palomino (@negrasquecambiaronelmundo), unha investigación que despunta por terse materializado en actividades e recursos como por exemplo roteiros, formacións ou unha guía didáctica (acorunaentrememorias.com), así como unha exposición que estivo durante dous meses no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología –Muncyt–. Este traballo darase a coñecer de primeira man este venres 27, ás 19.30 horas no centro social Artábria, un encontro que tamén servirá para anunciar a inauguración dunha nova mostra no Espazo Normal, o día 24 de abril.
No pasado mes de marzo comezou esta aventura con motivo da súa presentación ao I Certame de Proxectos Singulares para a Mellora Social da Deputación, para o que foron seleccionadas, comezando así un estudo coa idea de “analizar desde varias perspectivas a pegada urbana da memoria colonial na cidade da Coruña”, explica Cristina Botana, a investigadora que presentará o tema en Ferrol. Un dos obxectivos era “pór en valor outros traballos previos”, botando man deles e destacando algúns na páxina web, ao mesmo tempo que se buscaba que ‘A Coruña entre Memorias’ “se saíra bastante da linguaxe académica” para reverter a impermeabilidade das pesquisas anteriores.
Con vistas a que o resultado material non se limitara a texto e para “trasladar todo ese coñecemento producido” á cidadanía, organizouse unha exposición que comeza amosando unha liña temporal para dar “contexto de como A Coruña chegou a ser un punto neurálxico importante nesa época concreta nas expedicións escravistas galegas e a nivel global”. Tamén inclúe un mapa con numerosos datos de investigacións previas como poden ser as de Luis Alonso Álvarez, cartografías nas que se constata “como o crecemento da cidade foi acompañado por este proceso” ou un panel de máis de 2 metros coa xenealoxía dos “principais clans de familias traficantes de persoas escravizadas”, que amosa a existencia dunha “rede moi pechada e moi endogámica destas familias, con apedidos que xa coñecemos como Pastor, Adalid, Menéndez, etc”.
Titulada ‘A Coruña: porto negreiro’, a mostra componse, entre outros elementos, dun mapa interactivo, localizable na web, con “todos os puntos que dalgunha maneira están relacionados con esta cuestión”, estruturas que xa desapareceron nalgúns casos e noutros aínda perduran; e péchase cun apartado que relaciona expresións da época e actuais, por se a visitante ten a “tentación de pensar” que se interesou por “un tema do pasado”.
En Ferrol
O encontro en Ferrol focalizará na parte da exposición, un elemento fundamental porque “atopamos tantísima pegada da parte da trata transatlántica de persoas escravizadas” que decidiron deterse particularmente neste aspecto, sen descartar dar máis peso a outros no futuro. Do mesmo xeito, farán pública a nova oportunidade de achegarse ao proxecto no Espazo Normal, que responde ao interese amosado, por exemplo, na cantidade de solicitudes de visitas guiadas na anterior.
Esta presentación tamén dará conta de que “A Coruña e Ferrol eran portos irmáns neste sentido”, e aínda que non investigaron específicamente o caso desta cidade, no proceso atoparon información ao respecto.
Tamén ocorreu con outros territorios como o de Vigo, mais o caso local destaca porque “é o mesmo golfo Ártabro, entón está directamente relacionado”: algunhas familias escravistas movíanse entre ambas zonas e “desde logo, o seu poder político, económico e social transcende as fronteiras da Coruña”.









