Os premios económicos e de visibilidade do Talentiño amplíanse cun “bonus” pola lingua e a cultura galegas
Este sábado 28 pechan as inscricións para as candidaturas individuais e en grupo

Nesta cuarta edición do Talentiño, o certame xuvenil que se consolida como plataforma de referencia na promoción dos novos talentos galegos, ampliando a participación aos mozos e mozas de toda a provincia, continuan engrosándose os premios. Ademais de manter os 300 euros para as persoas gañadoras de cada categoría, entre outros recoñecementos, nesta convocatoria resérvase un agasallo especial para valorar as actuacións que empreguen a lingua ou contribúan á promoción da cultura propia.
Tanto participantes como gañadores poderán saír no programa da TVG ‘Quen anda aí’ e formar parte do catálogo do Talentiño, e todos os finalistas recibirán entradas para acceder a un parque multiaventura.
O sábado 28 pecharán as inscricións a través da páxina web do festival (https://2026.otalentino.es), que conta co apoio do Concello de Ferrol e a colaboración do Campus Industrial da UDC, polo que as posibles candidaturas individuais ou en grupo, que este ano se amplían a 25 integrantes, teñen menos dunha semana para apuntarse nalgunhas das cinco categorías: vocalistas, instrumentistas, danza lírica, urbana e variedades (nesta última sección caben monólogos, maxia ou artes escénicas, por exemplo).








