Un carballo por García Niebla estrea o novo Xardín dos Mestres e Mestras de Canido
Con motivo do Día da Árbore, tres asociacións do barrio propuxeron un programa que continuará cada ano
O Xardín dos Mestres e Mestras que substitúe ao parque canino de Canido xa ten un novo habitante autóctono dende este venres, un carballo, que foi plantado no marco dun programa de actividades con motivo do Día da Árbore. A celebración desta xornada terá continuidade grazas á organización das asociacións Muíño do Vento, a Veciñal e a Sociedade Recreativa e Deportiva, que decidiron estreala neste 2026 rendindo homenaxe ao profesor e político ferrolán Juan García Niebla (1895-1936), que impartiu docencia tanto neste barrio como nas escolas de Serantes e Ferrol Vello.
Do mesmo xeito que se realizou onte, todos os anos homenaxearase a distintas figuras que, como García Niebla, destacaron pola súa achega pedagóxica ao mesmo tempo que polo seu compromiso cidadá e ético, e que foron represaliadas polo réxime franquista.
Así pois, na programación que organizaron as asociacións do barrio para conmemorar o Día da Árbore tamén se incluíu unha palestra titulada ‘Juan García Niebla: Entre a innovación pedagóxica e o compromiso cidadá’, impartida polo historiador Guillermo Llorca Freire, que asina un libro homónimo. Este encontro tivo lugar no IES Canido, cuxa comunidade educativa xa participara pola mañá na plantación do devandito carballo.
María José Leira Ambrós, bióloga, foi a encargada de inaugurar estas actividades a xornada anterior, no centro cívico, coa conferencia ‘A importancia de conservar as alamedas’.
Homenaxeado
O primeiro protagonista do Xardín dos Mestres e Mestras naceu na Graña e comezou a súa carreira docente en Betanzos. Entre o labor desempeñado na súa cidade destaca a fundación, no ano 1902, da escola pública de Caranza, así como as clases que impartía de balde a fillos de clases traballadoras e o impulso da festa da árbore de Ferrol. García Niebla foi fusilado xunto a outras 14 persoas o 17 de agosto de 1936 no castelo de San Felipe, soterrados despois nunha fosa común no cemiterio.








