A obra pioneira do compositor ferrolán Javier Méndez soará pola eternidade
A familia do tamén sacerdote cedeu os seus arquivos ao Consello da Cultura Galega para garantir a súa preservación

Con pouco máis de 25 anos, en 1963, Javier Méndez Pérez-Fanego foi ordenado sacerdote e o seu primeiro destino levouno ata as aldeas de Cabanas, unha parroquia rural de Viveiro. El, que nacera en Neda pero viviu en Ferrol desde ben pequeno, decatouse cedo de que para levar a palabra de Deus a aquelas persoas tiña que facelo en galego.
Neofalante en tempos de ditadura, nos albores dun Concilio Vaticano II que autorizou o uso das linguas maternas na liturxia, o ferrolán soubo que a súa misión como músico e clérigo era compoñer himnos no idioma do país para que toda esa xente, e a que estaba por vir, puidese, como dixo San Agustín, “rezar dúas veces” co seu canto.
Desde este mércores, o Consello da Cultura Galega (CCG) e, máis concretamente, o Arquivo Sonoro de Galicia, conta cun bo feixe de partituras e unhas 300 bobinas de gravacións que deixara Méndez ao seu herdeiro, Pedro Landeira, afillado e sobriño deste pioneiro da música relixiosa en galego que finou demasiado pronto, en 1983, cando exercía de mestre da capela da Catedral de Compostela, aos 45 anos.
Aínda que, como resaltou a presidenta da entidade cultural, Rosario Álvarez, non adoitan facer públicos os actos de sinatura destas cesións, levar a cabo o deste mércores no Casino Ferrolán fixo “visible que este legado existe” e tamén puxo enriba da mesa a necesidade de “non deixar que este tipo de fondos febles, que son perecedoiros, acaben desfeitos”.
Así, acompañada de Landeira e outros familiares de Méndez no público, ademais de autoridades encabezadas polo concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, e tamén do teólogo, profesor e canónigo catedralicio, Benito Méndez, a responsable do CCG explicou que a escolma pasará agora ao Arquivo Sonoro de Galicia para seguir a súa dixitalización nos soportes que garantan a súa conservación do mellor xeito posible e os fagan accesibles a “historiadores, musicólogos, docentes, creadores ou intérpretes”, que poderán versionar as composicións do ferrolán e enriquecelas ata a eternidade.
Arranxos arriscados
Pero antes da intervención de Álvarez, que foi a última e deu paso ao recital da Coral Polifónica Ferrolana do Casino, herdeira daquela mítica formación liderada polo Pai Fanego coa que tanto cantou Javier Méndez —o famoso director era o seu tío— e coa que mesmo gravou parte desas bobinas que agora sairán á luz, a cita comezou coa escoita dunha desas pezas recuperadas do seu ‘Salmos pra nosa terra’, á que deu paso Beatriz Pérez Mosquera, integrante do CCG.
Soaron aqueles versos de “moito me alegrei cando me dixeron: imos ir á casa do Señor” non só polo altofalante, senón tamén na sala, nas voces emocionadas de moitas e moitos que lembraban ao homenaxeado. Aqueles que non coñecían a súa obra, os arranxos modernos, con ventos e percusións máis propias do pop-rock e do funky que da música sacra —data de 1971 e seica podería ter influencias mesmo do exitoso ‘Jesucristo Superstar’, que é do 70— ficaron coa boca aberta.
Non así Juanjo de los Ríos, un dos coristas máis veteranos daquela formación de Fanego que, aínda que non puido estar, mandou recado en forma dunha misiva moi agarimosa co que foi o seu compañeiro, aplaudindo que agora as súas pezas “podrán ser interpretadas y descubiertas por las nuevas generaciones”.
“Xustiza, amor e paz”
Benito Méndez, pola súa banda, colleu prestadas as palabras que Uxío García Amor lle dedicara, lembrando así mesmo a “apertura á modernidade” que supuxeron as súas cantigas, que falaban de “xustiza, amor e paz”, deixando unha “pegada grande” en todo o que se fixo despois.
O edil Ponte Far, quen acudiu en representación do alcalde, quixo valorar, por riba de todo, “a súa coherencia coas súas vocacións, a de sacerdote e músico; pero tamén que fora un castelán falante e ao descubrir o mundo rural, coñecer a terra, quixo darlles a misa na súa lingua: a miña admiración a unha persoa coherente, de categoría intelectual e artística”.
Porén, as palabras máis cheas de emoción foron as que lembraron ao “tío Javier” en boca dun agradecido Pedro Landeira, que empezou coa súa teima de doar o legado xa polo 2016 e traballou arreo para logralo. Recordou ao tamén falecido Guillermo Escrigas pola súa implicación desde o principio, e insistiu en que o seu obxectivo fora “preservar e difundir”.
Ademais, achegou a cara máis xenerosa e agarimosa do seu tío, contando dúas anécdotas familiares: a do peto que facía cando vivía en Madrid para convidarlles cando o ían visitar e a das postais que chegaron a diario ao hospital e que agora chegarán desde o magnetófono Philips.










