Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Ferrol

Iago González: “Estamos a desenvolver capacidades que van máis aló do meramente defensivo”

O integrante do equipo monodon de Navantia falou este mércores sobre a innovación no novo contexto xeoestratéxico de defensa

Iago González Navantia monodon
Iago González, este mércores no Campus
Martín Barreiro
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

O coruñés Iago González é membro do equipo ‘monodon’, a célula de investigación coa que Navantia traballa nas tecnoloxías do futuro. Este mércores, no Campus, falou do seu traballo e tamén de como se enfoca a investigación en ‘deeptech’ nun contexto expansivo, a nivel de investimento en defensa, como o actual.

Que fai o ‘monodon’?

O monodon ten dúas funcións. É o brazo ‘venture’, é dicir, o brazo que ten a capacidade de relacionarse con startups ou, chegado o caso, de investir –aínda que de momento non estamos nese punto–, e tamén a área de I+D ‘deeptech’, tecnoloxía profunda, que é aquela que ten raíz científica, que temos que desenvolver con tempo, pouco a pouco, e, cando estea madura, poderemos crear produto. Estamos falando de fotónica, de cuántica, de novos materiais...

En que contexto traballa? 

Hai certos eixos da análise xeoestratéxica que son interesantes no sector naval. Nos últimos catro anos houbo eventos que transformaron a forma de entender o panorama xeoestratéxico que xeraron unha resposta e uns posicionamentos nas Marinas do mundo e que poden verse no que se chaman documentos de intención. No caso de España, por exemplo, ‘Armada 2050’, onde figuran as tecnoloxías que piden. O ‘monodon’ está a desenvolver diferentes tecnoloxías; se entendemos cada unha como un prisma, ao superpoñelas poderán crear produtos únicos.

Algún caso concreto?

Por exemplo, o ‘manta-raia’, un dron submarino bioinspirado, coa morfoloxía deste animal, movéndose coma el para aforrar enerxía e ser máis sixiloso no entorno submarino, co que pode ser moi útil para a vixilancia de infraestruturas, como o cableado submarino, por exemplo, e todas as tecnoloxías de novas formas de comunicación e novos materiais que poidan reaccionar de forma nativa, isto é, un material que xa está deseñado para que física e quimicamente reaccione a un cambio de temperatura ou de corrente, como fai unha manta-raia no mundo real.

Cantas persoas forman parte do equipo ‘monodon’?

Somos poucos porque o que facemos é apoiarnos en Navantia para todas as capacidades transversais corporativas e tamén para o asesoramento técnico. Non superamos a vintena, pero tes que contar non só a xente interna, senón tamén os colaboradores cos que traballamos. Tamén contribuímos a dinamizar a comunidade investigadora e innovadora a nivel global. Estamos colaborando con moitas universidades no mundo. O ano pasado, por exemplo, organizamos unha conferencia científica sobre robots bioinspirados que foi un éxito. E estamos traballando noutras.

“Nos últimos catro anos houbo eventos que transformaron o panorama xeoestratéxico e xeraron unha resposta en todas as Marinas”Iago González

Estamos ante o salto tecnolóxico na industria de defensa máis relevante das últimas décadas? 

O mundo en xeral está ante un salto tecnolóxico pola súa configuración actual. Programas como a Intelixencia Artificial lévannos por ese camiño. Por desgraza, as etapas de conflito activo obrigan aos países a acelerar o seu desenvolvemento de tecnoloxía de defensa, pero o que estamos a facer ten un uso dual, profundamente dual. Estamos traballando coa UVigo en comunicacións por vía fotónica, a través da luz. Esa tecnoloxía vai ser moi útil para ‘monodon’ e para Navantia, para o sector defensa, pero tamén o vai ser para a sociedade en xeral porque nos vai permitir comunicacións máis seguras espazo-terra satelital ou entre dispositivos móbiles. Tamén traballamos na cuántica, pero non na programación, senón nos usos a nivel de criptografía, de información cifrada. Se somos capaces de traballar niso, nunha tenoloxía que se chama QKD –distribución de claves cuánticas–, conseguiremos un cifrado inviolable, pero iso ten unha utilidade grandísima para, por exemplo, a protección de datos, para a ciberseguridade, para a banca... Os tempos de conflito aceleran o desenvolvemento tecnolóxico, pero hai que pensar cal é a utilización dual desas tecnoloxías, por iso é tan importante invertir en ‘deeptech’, pois vai ter moitísima máis ramificación positiva da que pensamos. Investimos en capacidades que poden servir para todo tipo de funcións. Aí está o dron de superficie ‘Poniente’, de Navantia, que vai ter unha actividade de vixilancia, de análise de augas, de batimetría, de identificación de embarcacións... Estamos a desenvolver capacidades que van máis aló do meramente defensivo.

Pódese acelerar o proceso?

Todo empeza na universidade, nos laboratorios, en investigación básica de conceptualizar unha hipótese e probala. Logo está a asociación de prototipos, cada vez máis maduros para que cada vez afronten situacións máis complexas: conforme o poñamos nunha situación de probas, aprendemos e somos capaces de maduralo, de evolucionalo. Esa é a maneira de facelo, que combinemos diferentes disciplinas e distintos usos, civil e militar, porque dese xeito, probando un prototipo nun contexto concreto, dúas persoas diferentes verán dúas aplicacións distintas, o cal axudará a crear a tecnoloxía de futuro. É posible aceleralo? Cando aceleramos o desenvolvemento tecnolóxico entramos en sesgos e iso pode levarnos a cometer erros que poden custar millóns de euros aos contribuíntes... Hai que facer as cousas ben. 

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620