Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Lingua

O galego como vehículo de expresión universal que medra dende a Escola de Idiomas de Ferrol

As persoas de fóra de Galicia tamén ansían ter soltura co idioma: o novo grupo de conversa 'Falarmos... nós' e outras iniciativas

Nos últimos ‘Petiscos de convivencia’ engadíronse todas as bandeiras das nacionalidades presentes na escola
Nos últimos ‘Petiscos de convivencia’ engadíronse todas as bandeiras das nacionalidades presentes na escola
Cedida
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
LICEO-620X50

‘Falarmos... nós’ é o nome dos grupos de conversa en galego que impulsa a Deputación da Coruña entre distintas entidades, e unha das últimas en sumarse a esta rede provincial foi a Escola Oficial de Idiomas –EOI– de Ferrol, onde a participación do alumnado foi até tal punto que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega –EDLG– do centro decidiu facer un desdobre e crear un novo colectivo. Esta é só unha das iniciativas que evidencian un grande interese por manter vivo o galego como vehículo de comunicación universal neste espazo, do mesmo xeito que constata a exposición dispoñible durante este mes ‘A muller silenciada’, o novo éxito dos ‘Petiscos de convivencia’ ou a inclusión deste ano no XXVI certame Poesía e Imaxe da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.

A iniciativa da Deputación consiste na creación de grupos estables de como máximo 10 persoas, que coñecen a lingua pero que non a empregan habitualmente, e ten o obxectivo último de sacar o galego fóra destas xuntanzas. Estes reúnense unha vez por semana para practicar, falando durante polo menos unha hora, e no caso do equipo da Escola de Idiomas, até o momento leva celebradas tres reunións, que se convocan todos os martes ás 11.11.

Entre as persoas interesadas hai galegas máis tamén de fóra da comunidade, como un integrante de Madrid e outro de Euskadi que, segundo comenta a coordinadora do grupo de conversa, Lucía Penabad Otero, leva moi pouco tempo en Ferrol e ‘Falarmos... nós’ supuxo unha oportunidade “para mellorar na súa competencia lingüística en galego e tamén para coñecer xente”. Así mesmo, houbo solicitudes con procedencias alleas incluso ao territorio estatal, de países como Perú, Venezuela, Ecuador e EEUU.

A iniciativa, que tamén inclúe encontros tanto só entre as persoas coordinadoras como tamén coas participantes de toda a provincia, ás que está previsto convocar para unha xornada de convivencia, réxese por uns criterios e, para cumprilos ao mesmo tempo que se responde á gran demanda, as voces menos experimentadas entrarán nun grupo de conversa á parte que se está artellando para esta semana que vén, ambos mesturando persoas galegas e doutras procedencias, chamado ‘Galego dende 0’.

Na EOI de Ferrol tamén cursan clases de galego oficiais tanto persoas de Galicia como doutras Comunidades (como Aragón ou varias cidades de Andalucía), doutros países (Perú e Italia), do extranxeiro xa asentadas pola comarca (Venezuela, Brasil e Colombia) e galegos retornados, como é o caso dalgúns alumnos que incluso naceron en Suíza. Segundo resalta a coordinadora do EDLG do centro, a lingua interesa á xente de fóra por moitas razóns, como “vencellos familiares, contacto coa comunidade galegofalante, motivos laborais, interese por descubrir a cultura na que agora viven” ou na que viviu algún antepasado, ademais de dar conta de que na escola tamén hai profesorado estadounidense, canadiense ou francés, por exemplo, “que falan perfectamente o galego e o empregan no seu día a día”.

Por outra banda, este é o primeiro ano no que a Escola de Idiomas participa no certame de creación artística Poesía e Imaxe, que organiza o Concello de Ferrol en colaboración coa Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, tras a persistencia da que tamén coordina o Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EOI, Lucía Penabad.

“Modificaron as bases moi amablemente para incluírmonos”, explica, destacando que esta actividade veterana se presenta baixo o sobrenome de ‘En galego, sen filtro’. En relación con este lema, a proposta consiste na selección dunha poesía entre un total de 13, coa particularidade de ter sido “traducidas directamente” ao galego da súa lingua orixinal, que pode ser dende o máis habitual, como as que se imparten na Escola de Idiomas, algunhas menos comúns como a bielorrusa ou a chinesa, até outras “máis exóticas como a mazateca, kamsá, zapoteca...”, exemplifica a coordinadora, que relata como “a partir desa proposta de Literatura Universal, inspíranse, interpretan e crean unha obra plástica”.

As persoas interesadas dispoñen de dúas modalidades de participación: a A, que inclúe debuxo, pintura, colaxe e fotografía, ou a B, que se destina á creación audiovisual e, tal como apunta Lucía Penabad, até o momento só se presentaron candidaturas á primeira categoría. O prazo permanecerá aberto até case finais de mes, xa que dende o EDLG se debera enviar os traballos á Coordenadora o venres 27.

Tamén dirixido a toda persoa vinculada co centro, o Equipo participa na xestión dun pequeno horto urbano na parte exterior, co que se trata de dinamizar simultaneamente o galego e “os valores europeos de sostenibilidade e loita contra o cambio climático”, amais de servir como “laboratorio de aprendizaxe”. Así, ofrécense distintas actividades complementarias ao cultivo (que no que vai de curso se limitou aos chícharos e flores) e outros traballos como a elaboración de aceite de romeu, co que está previsto organizar unha cata.

Xornadas Culturais

Nesta semana que remata, a Escola de Idiomas de Ferrol celebrou as súas ‘Xornadas Culturais’, coa participación dos distintos departamentos, e para os de portugués e galego reservouse a segunda xornada. O día inaugurouse precisamente coa terceira edición dos ‘Petiscos de convivencia’, uns encontros que comezaron atraendo arredor de 40 persoas para superar as 60 na segunda, unha cifra que se mantivo nesta última ocasión por encher xa o aforo do espazo, que é a cafetaría da EOI, chamada Recuncho de Babel.

Con estes encontros tan ben acollidos trátase de fomentar o uso do galego entre o alumnado, propoñendo xuntanzas multiculturais e interxeracionais nas que, como o nome indica, se sirven uns petiscos típicos. Desta volta ofreceuse empanada galega, tortilla, proia e torta de Santiago, que se puideron ir probando entre as dinámicas propostas a través dun xogo de tarxetas, sempre centrado no tema do día. Neste caso foi a educación e na próxima convocatoria será a vivenda.

Ademais, dende o departamento de Galego e o EDLG tamén propuxeron a representación de ‘A culpa de Laura’, unha peza da compañía A Tenencia Teatro, da Agrupación Instrutiva de Caamouco, escrita por Beni Suárez e dirixida por Eugenia Sanmartín.

Non obstante, antes tivo lugar unha visita guiada á exposición ‘Enfocando a muller silenciada’, que permanecerá nos andares baixo e primeiro da EOI de Ferrol, polo menos, durante o mes de marzo. A convocatoria abriuse cunha benvida institucional por parte da directora do centro, Kerry Ann McKevitt, que sinalou a importancia de empregar o galego durante esta actividade: “É o que nos toca para preservar e dar máis apoio a esta lingua”.

Á visita conducida pola comisaria Lola Ramírez, viúva do autor, José Luis Fernández Liz, ambos xornalistas, precedeu a intervención de Lucía Penabad, que fixo fincapé na relación entre a colección exposta, que foi capturada por numerosos países (como Benín, Exipto, India ou Vietnam, entre outros) e o tema lingüístico: “As imaxes e as palabras comparten unha mesma forza. Por unha banda, as fotografías permítennos mirar o mundo e facelo visible; por outra, as linguas permítennos nomealo, interpretalo e compartilo.

Igual que unha cámara pode dar presenza a quen permanece invisible, unha lingua pode dar voz, visibilidade e espazo a unha comunidade. Por iso defendemos que o galego é un vehículo de cultura, de respecto e de encontro, e que falalo é unha forma de participar activamente na vida cultural do noso país e de contribuír a que siga vivo”.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina