A CIG anima a mobilizarse no Día da Clase Obreira como “camiño necesario” nun contexto de empobrecemento
Os actos centrais do próximo martes, 10 de marzo, terán lugar en Ferrol e, entre as 14 mobilizacións repartidas polo territorio galego, convocan unha en As Pontes

O próximo martes, 10 de marzo, a Confederación Intersindical Galega –CIG– organiza en Ferrol, a cidade onde tivo a súa orixe o Día da Clase Obreira, os actos principais desta xornada sinalada nos calendarios. A convocatoria, que se realiza baixo o lema “Contra a precariedade e a desigualdade na Galiza: traballo digno, pobo con dereitos”, foi anunciada este martes polo sindicato e, entre as 14 mobilizacións que terán lugar por todo o territorio galego tamén se inclúe unha concentración no concello das Pontes.
Aínda que transcorrera máis de medio século dos acontecementos do 10 de marzo de 1972, cando “foron asasinados en Ferrol, pola policía franquista, os traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel”, tal e como lembrou o secretario comarcal da CIG, Xoán Galdo, as reivindicacións daquel tempo “protagonizadas pola clase obreira galega” continúan sendo “de extrema actualidade”.
“Consideramos que a mobilización é o camiño necesario para darlle volta a unha realidade que é de empobrecemento xeralizado”, sinalou Galdo, atribuíndo esta situación “ás políticas neoliberais e a diferentes reformas laborais que vimos padecendo”. Así, o secretario aclarou que, a pesar das análises que poidan tirarse “a nivel macroeconómico”, ao atender “ao pequeno, á clase traballadora, vemos que cada vez é máis difícil acceder a alimentos básicos”, así como a unha vivenda digna.
“Temos que denunciar que se queira impoñer como normal a precariedade laboral”, apuntou Galdo, achegando como exemplo os contratos fixos discontinuos que agochan “traballos parciais”. Do mesmo xeito, remarcou que a loita por unha negociación colectiva que xa se viña desenvolvendo naqueles momentos, hai máis de 50 anos, continúa vixente.
Neste punto participou Teresa Carballido, responsábel da área de Muller, quen explicou que “neste momento estamos, en distintas federacións, loitando, precisamente, por eses convenios aquí en Galiza e non estatais, convenios de diferentes sectores que están recén aprobados, no último ano”, que “non melloran para nada” os acordos anteriores e que se foran negociados no ámbito galego, a CIG tería capacidade de intervención.
Encontros
Os actos centrais en Ferrol comezarán ás 11.30 coa ofrenda floral no monumento ao 10 de marzo e continuarán a partir das 20.00, co inicio da manifestación no local da CIG, en Esteiro, que se desprazará até o Cantón. Ademais, a esa mesma hora, convócase unha concentración na praza de América do concello de As Pontes.








