Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Exposición

Sentando as bases para o Museo de Ferrol: amosar o pasado da xente e da zona

Os historiadores Esperanza Piñeiro e Guillermo Llorca ofrecen visitas guiadas á exposición do Torrente Ballester tres días ao longo da semana

Esperanza Piñeiro e Guillermo Llorca na súa expo do Torrente Ballester
Os comisarios Esperanza Piñeiro e Guillermo Llorca, na entrada da exposición
Jorge Meis
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

Os comisarios da exposición que permanecerá no Centro Torrente Ballester até mediados do mes de abril, organizada polos Amigos do Museo Cidade de Ferrol, impartiron este mércores unha conferencia no salón de actos da Escola de Idiomas, convidados pola asociación cultural Goethe. Este encontro cos historiadores locais Esperanza Piñeiro de San Miguel e Guillermo Llorca Freire forma parte do traballo de concienciación que realizan dende a entidade, que trata de dar un impulso á institución dun ben cultural do que carece a cidade, sendo o único caso en Galicia.

Este labor materializouse principalmente en “Ferrol no pasado. A vida cotiá”, unha mostra moi heteroxénea composta aproximadamente por “máis de medio millar de pezas”, que van dende os obxectos máis diversos até a pintura. Os cadros foron realizados por un total 48 artistas, entre os que figuran grandes nomes desta terra que pasaron á historia da arte como os de Felipe Bello Piñeiro, Imeldo Corral, José González Collado ou Máximo Ramos. Unha das particularidades é que estas pezas comparten espazo con outras sinaturas contemporáneas de distintas xeracións, como as de Andrés Gabarres, Blanca Escrigas, Eduardo Hermida, Leandro Lamas, María José Leira, Manuel Patinha ou María Manuela.

As obras que achegaron os pintores non só se expoñen na primeira das catro divisións principais, denominada “Ferrol na mirada dos artistas”, senón que tamén se van salpicando por outros capítulos posteriores. Deste xeito compleméntase un relato que ten o obxectivo de espertar o interese dos habitantes pola súa propia historia e, en consecuencia, por vivir nunha cidade cun museo de seu.

Con este mesmo fin, os comisarios impartiron este mércores a conferencia “Ferrol do pasado”, na que deron conta da importancia destas institucións culturais, do seu contido, dos intentos que se realizaron con anterioridade e, como xa se podía advertir no título, tamén da exposición, facendo fincapé na relevancia que historicamente tivo a pintura nesta localidade.

Así mesmo, a audiencia puido coñecer a historia do espazo que hoxe ocupa a Escola de Idiomas de Ferrol, onde se impartiu a charla. Segundo sinala Esperanza Piñeiro, elixida Ferrolá do Ano 2025, moitas das obras artísticas que se exhiben na mostra conectan con este lugar no que se situaba a Escola de Artes e Oficios, por ser sido feitas por “alumnos que destacaron”.

Para continuar co traballo didáctico, os comisarios propoñen visitas guiadas todos os martes e os venres, de 12.00 a 13.00, e os sábados, de 18.00 a 19.00 horas, amais de estar abertos á reserva por parte de grupos escolares ou outros colectivos. As persoas interesadas poden inscribirse na conserxaría ou a través do teléfono 981 944 187.

Na mirada dos artistas

De fronte, ao entrar na sala Fernando Álvarez de Sotomayor, o visitante toparase cun percorrido cronolóxico inédito polos barrios históricos da cidade, realizado en forma de pinturas. De esquerda a dereita, pintores e fotógrafos de distintas xeracións representan, no seu propio tempo, recunchos de Ferrol Vello, Canido, Esteiro e A Magdalena. Ao longo de toda a mostra tamén se inclúen textos breves, como neste capítulo pode ser un de Ricardo Carvalho Calero no que fala sobre a súa casa natal.

Para ilustrar como era a vida no interior destes fogares, no mesmo espazo inclúese unha selección dos obxectos doados por entidades e particulares, entre os que se poderían destacar algunhas “pezas moi singulares que se expoñen por primeira vez”, apunta Guillermo Llorca, como unha lavadora de madeira “procedente de Indiana, de 1877”. Este caso tamén é excepcional porque, das dúas que se trouxeron a Ferrol, a un bazar situado a carón do Jofre, “non se vendeu ningunha”, engade.

Xunto a este aparello hai outros como un picadiscos de Montalbo, na rúa Real, ou unha sella que, tal e como rememorou unha das visitantes, o habitual na época era chamarlle ferrada. Ao lado, nas vitrinas que cedeu Exponav, protéxense pezas curiosas, como as tarxetas que “as damiselas” levaban aos bailes importantes, nas que ían anotando as peticións que lles facían os homes para saír á pista.

E tamén outras con funcións máis básicas, como os distintos tipos de iluminación, polo que Esperanza Piñeiro saca a colación que, até o século XVI, en Ferrol cazábanse baleas, feríndoas cando se achegaban á costa: era unha “pesca de equipo”. Na mesma praia prendíanse fogueiras para derretir a graxa, que se consideraba moi boa para alumear porque, en comparación á das sardiñas, que adoitaba substituír o aceite polo seu prezo elevado, non deixaba cheiro. Evidentemente, os cetáceos aproveitábanse moito máis, como por exemplo para facer as varas dos paraugas ou os aros dos suxeitadores.

Avanzando no percorrido chégase ao punto “De ‘Fóra de portas’ á zona rural”, onde tamén se dedica un espazo aos inicios do barrio de Caranza. Por medio dunha fotografía, pódense rememorar os barracóns nos que as familias obreiras que vivían en Esteiro cando se construíu a avenida, para o que se derrubaron numerosas casas, agardaban o fogar que xa tiñan adxudicado, ou que ocupaban coa “picaresca” de que lle concederan unha.

Lecer

Nun aparte, aínda na primeira planta, recóllense distintos elementos relacionados co tempo libre, dende xoguetes até música tradicional, con referencias ao Toxos e Froles ou ao mestre Malde, ou incluso un anaco do antigo estadio de fútbol Manuel Rivera, xunto a equipacións do Racing e o OAR.

Alimentación

Transitando cara a segunda planta réndese homenaxe a establecementos de alimentación históricos que aínda seguen funcionando, como Casa Amador ou El Rápido, e a outros xa desaparecidos, como o Economato de Bazán, que se limitaba ás familias dos traballadores, ou o San Antonio. Este último foi o primeiro supermercado de Ferrol, situado “na primera mazá, entrando na rúa Real desde arriba, desde a praza de España, a man dereita”, explica Piñeiro. “A xente alucinaba”, expresa, porque nunca antes era o cliente eran quen collía as cousas e as depositaba nun cesto, ademais de que “dicían que era máis barato porque necesitaba menos persoal”. Xunto a estas fotografías, as do bazar El Teatro, que precisamente se situaba onde hoxe está a redacción do Diario de Ferrol e que “vendía de todo”, incluídas aquelas lavadoras de EEUU, que daban conta tamén da e vangarda desta cidade dentro mundo do século XIX.

Oficios tradicionais

O segundo andar está dedicado á variedade de profesións que existían en Ferrol e no seu ámbito de influencia, constatando a retroalimentación da cidade e a comarca. Entre estas préstase unha especial atención ás que desempeñaban as mulleres, con exemplos como as lavandeiras, as costureiras, que ían de casa en casa, ou as modistas, que traballaban nun punto fixo. Tamén estaban as mandadeiras, un oficio que foi xurdindo de xeito orgánico para aproveitar as viaxes nas que transportaban a Ferrol comida dos maridos, ao mesmo tempo que se entregaban ou recollían outros recados.

Reloxos, caramelos, xeados ou bacallau son só algúns dos produtos que se elaboraban en Ferrol, só unha parte do pasado que queda rexistrado nesta mostra temporal, que evocará en todos os visitantes imaxes habituais noutro tempo, instantáneas que algúns rescatarán dos seus recordos e outros imaxinarán a través destes vestixios.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620