Juan Galán: “A historia de Fernández Millán é a de moitos ‘rotspanier’”
O escritos presenta este xoves a biografía de Joaquín Fernández Millán no Ateneo

Ás 19.00 horas no Ateneo presenta este xoves Juan Galán a biografía do pobrense Joaquín Fernández Millán, un de tantos “rotspanier” –o termo pexorativo que empregaban os nazis para se referir aos exiliados republicanos españois– que tiveron que fuxir trala Guerra Civil para poder sobrevivir.
Trátase do primeiro traballo de investigación de Galán, que publica a editorial Galaxia, e que sucede a outras obras de ficción que o autor coruñés afincado en Ferrolterra foi publicando nos últimos anos, alternándoas cos artigos sobre memoria histórica que asina neste xornal.
“Rotspanier” naceu en realidade no ano 2021, cando Galán, profesor na Escola Oficial de Idiomas, coñeceu a historia do avó dunha compañeira, Virginia. A través dalgunha lembranza que durmía na memoria oral da familia, Galán pensou que a historia de Joaquín Fernández Millán era digna de ser contada por ser representativa da sorte que correron milleiros de exiliados galegos e españois. Pero, para iso, tiña que completar o crebacabezas, que non foi doado, pero que si conseguiu. “Puiden confirmar que estivo nun campo de internamento traballando como man de obra semiescrava na base submarina de Bordeos baixo o control dunha organización nazi chamada Todt”, explica Galán.
A familia achegou fotografías que foron tomadas en diferentes lugares, desde a súa estadía en Euskadi a partir dos anos 20 para traballar como mariñeiro. Foi alí onde comezou o seu activismo nas milicias comunistas, foi ferido en outubro do primeiro ano da guerra, saíu cara a Cataluña e, posteriormente, pasou ao estranxeiro.
Galán tirou de arquivos; algúns puido consultalos por internet, mais na maioría optou por traballalos in situ. “Tardei catro anos en rematar a investigación: fun a todos os sitios nos que tiña constancia ou cría que podía ter estado Joaquín”, apunta o autor, “e foi así como puiden seguir as súas pegadas no seu periplo vital”.
“Joaquín é un exemplo, pois pode servir como itinerario temporal e xeográfico para moitas outras persoas que seguiron ese mesmo camiño”, sinala Galán.
Nese mapa, o investigador localizou os pasos desde o remate da II Guerra Mundial, momento no que o protagonista da historia estaba en Bordeos, pero xa en 1946 residía en Estrasburgo. “Alí estará arredor de seis anos traballando como albanel ou carpinteiro” e en 1952 a muller reagrúpase con el antes de marchar para a capital da República, onde viaxou, como refuxiado, o seu fillo primoxénito.
Juan Galán apunta, entre moitos outros detalles que se poden atopar no libro, que os “rotspanier” tamén tiveron “moitos problemas en Francia, pois para eles era un gasto. Antes do réxime de Vichy, o primeiro ministro, Daladier, creou en abril de 1939 as compañías de Traballo de Estranxeiros, as CTE, que, tras a invasión, en setembro de 1940, Vichy transformou en GTE (Grupos de Traballadores Estranxeitos), iniciando así a etapa de colaboracionismo cos ocupantes e subministrando man de obra forzosa aos nazis. Joaquín foi un deles”.









