Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Actividades

Chega o Día de Rosalía cargado de convocatorias por 8 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal

O espectáculo de “xograría” de Alba de Vales en Cerdido ou un autoexame sobre a escritora en Ferrol, entre as programacións

Praza de Rosalía, no Día das Letras, onde este luns 23 realiza un acto o BNG
A praza de Rosalía ferrolá, no Día das Letras, onde este luns 23 realiza un acto o BNG
Jorge Meis
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
LICEO-620X50

Este luns celébrase que o 23 de febreiro de 1837 naceu María Rosalía Rita de Castro, unha personalidade que se integrou na historia da literatura universal sen precisar máis nomes que un. Este, que xa é un símbolo en si mesmo dos valores que defendeu nos seus escritos de xeito precursor, resoa particularmente no territorio galego, que cada ano continúa rendindo homenaxe á poeta compostelá con encontros diversos, como os que terán lugar polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.

Polo seu potente legado vencellado á conciencia social de clase, de xénero, á defensa da identidade cultural e incluso o respecto pola natureza, entre as actividades destaca a enquisa que propón a Sociedade Cultural Medulio, co obxectivo de autoavaliar os coñecementos das persoas asistentes sobre Rosalía. Este é o segundo punto do programa que se desenvolverá este martes 24, co apoio do Concello de Ferrol, ás 19.00 horas na capela do Torrente Ballester, despois dunha proxección e antes de agasallar ao público un CD de “poemas rosalianos musicados”. Para rematar, algúns destes textos interpretaranse con voz e música en directo.

Neste concello, onde xa se celebraron os encontros organizados por Artábria, en Esteiro, e por Lenda Ártabra, en Brión, tamén convoca un acto o BNG este luns 23, ás 18.00 na praza de Rosalía, no barrio de San Xoán.

A programación municipal de Ares, que se concentra na biblioteca, estréase tamén este luns 23, ás 16.30, cunha actividade de achegamento á escritora para as persoas usuarias dos obradoiros de memoria. O mércores 25, ás 18.00 horas, será a quenda das pequenas e pequenos, aos que se lles ofrece aprender mediante o xogo e a creatividade no obradoiro “Miña casiña, meu lar...”, por dous euros e con previa reserva. Para rematar, o xoves 26, ás 18.30, Luis Vallecillo interpretará, de balde, para o público familiar, “Cantamos con Rosalía”.

Por outro lado, o Concello de Neda distínguese por comezar a homenaxe o venres 27, ás 19.00 na biblioteca municipal, coa actividade “Unha tarde con Rosalía”, que consistirá nunha lectura colectiva de poemas e outros textos da autora, que deberán ser elexidos por cada un dos participantes, que poden ser de calquera idade.

Ao día seguinte, o sábado 28, ás 20.00 horas, está previsto abrir o pano da Casa da Cultura de Neda coa obra dirixida por Luis G. Ramos “Campanas de Bastabales”, da man da compañía naronesa Imaxina-T. As entradas anticipadas para este espectáculo en forma de homenaxe poñeranse a disposición dende hoxe mesmo, na biblioteca municipal, ao prezo de dous euros.

Ademais, o Concello de Moeche celebra o Día de Rosalía para o alumnado do CEIP San Ramón, que recibirá este mesmo luns 23 a Marisa Irimia coa actividade “Poesía con moito conto”.

Eume

O Concello de Pontedeume organiza unha homenaxe institucional tamén este luns 23, a partir das 18.30 na praza Rosalía de Castro, que incluirá unha ofrenda floral, acompañamento musical de Airiños do Eume e un recitado de poemas por parte do alumnado de oratoria do IES Breamo. Por outro lado, durante toda esta semana, na biblioteca municipal Poeta Ramiro Fonte anímase a resolver presencialmente o “quiz de Rosalía” para gañar unha lámina, até esgotar existencias.

Ortegal

En Ortigueira, o Concello propón celebrar o Día de Rosalía por distintos puntos coa degustación do Caldo de Gloria que a autora popularizou nun dos seus poemas reivindicativos. Así, amais do CEIP José María Lage, Aspromor e a residencia Dolores Díaz Dávila, este prato servirase este luns 23 no restaurante Río Sor, Manolo’s Xantar, Os Vellos, Casa Giz, Nogueirido, Orillamar, O Malecón e La Terraza de Laura. Tamén participan nesta iniciativa, coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro e Entre Fogones, o bar Colao e Casa Cedeira, que ofrecerán a receita o martes 24 debido a que os luns pechan.

O Concello de Mañón dirixe a súa proposta a toda a comunidade educativa coa celebración deste luns 23 no CEIP Francisco López Estrada, onde á 13.00 dará comezo “A Estrela de Rosalía. Contos de Brétema e Luz” por parte de Marisa Irimia. A continuación degustarase o Caldo de Gloria no comedor e rematarase o encontro (que contará con photocall e agasallos) cun recital do alumnado, a partir das 15.00.

Tamén este mesmo luns 23, ás 19.00 horas na área recreativa do Castro, en Cerdido, Alba de Vales propón interpretar a súa “xograría” titulada “Contos arredor da Terra”, un espectáculo que combina narración oral, teatro de obxectos e cantigas coas que falará de romances de cego, tradicións orais, galeguidade ou “aldeanía”.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina