“Faladoiros Literarios”, un novo formato para achegarse a oito figuras de renome en Ferrol
O cartel estréase este mes con Víctor Freixanes e inclúe outras sesións destacadas como a de Manolo Rivas

Este primeiro semestre do ano haberá sete oportunidades de participar nos “Faladoiros Literarios”, un programa que achegará á cidade oito personalidades de renome no mundo das letras para protagonizar un formato novidoso conducido por xornalistas locais. Os encontros terán lugar entre distintas instalacións culturais do Concello de Ferrol e do Campus Industrial, que se irán concretando segundo se achegue a data.
A innovación reside na proposta dun formato aberto á intervención do público, constituíndo unha oportunidade excepcional “de falar de literatura con destacados e destacadas personaxes do mundo das letras, das letras galegas e das castelás”, avanzou o concelleiro de Cultura, José Antonio Ponte Far, que presentou a iniciativa xunto á vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, da que valorou a súa “implicación directa”.
Trátase dunha colaboración que se plasmará nas distintas localizacións, que no caso da área universitaria aproveitará as bibliotecas da Casa do Patín e a Ángela Ruiz Robles, que “fan un traballo excelente na formación da nosa comunidade”, apuntou a vicerreitora, en quen pensaron especialmente debido ás titulacións afíns existentes na UDC, tanto na Facultade de Humanidades e Documentación de de Ferrol como na Coruña.
Non obstante, “Faladoiros Literarios” está aberto a todo o público interesado, con previa reserva, respondendo así á “teima de abrir o Campus á cidadanía e que cada vez sexa un espazo máis participativo onde as persoas acudan ás actividades”.
“O mundo da literatura nunca debe quedar esquecido na programación cultural dunha administración pública”, remarcou Ponte Far, estendendo a obriga tamén ás institucións universitarias como parte dun todo que é a formación cultural da cidadanía: “a ciencia aporta coñecemento, método, rigor... e as letras achegan valores, linguaxe, responsabilidade...”.
Protagonistas
A primeira cita realizarase en dependencias municipais o martes 24 deste mes co protagonismo de Víctor Freixanes, que precedeu ao actual presidente da Real Academia Galega no cargo. Este faladoiro estará moderado por Isidoro Valerio (Radio Voz), un dos xornalistas locais participantes xunto aos do Diario de Ferrol, Marta Corral e Xosé Fandiño, así como Ada Romero (Cadena Cope), Alicia Seoane (Ferrol 360), Ramón Loureiro (La Voz de Galicia) e Rebeca Collado (Cadena Ser).
Os seguintes encontros, sempre coincidindo en martes, desenvolveranse con Carmen Becerra (10 de marzo), Ángel Basanta (24 de marzo), Darío Villanueva (14 de abril), Manolo Rivas (12 de maio), Xulio López Valcárcel e Medos Romero (19 de maio) e Ignacio Martínez de Pisón (9 de xuño).









