O galego move masas na Escola de Idiomas de Ferrol coa celebración dos segundos “Petiscos de convivencia”
A cafetaría acolle estes encontros que propón o Equipo de Dinamización da Lingua entre outras moitas actividades

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega –EDLG– da Escola Oficial de Idiomas –EOI– de Ferrol, que dende este ano coordina a profesora de inglés Lucía Penabad Otero, viviu este mesmo martes unha xornada intensa que comezou cos “Petiscos de convivencia” pola mañá. Das 40 persoas que participaron no primeiro destes encontros, en xaneiro, pasaron a ser 65 desta volta, un éxito rotundo ao que se responderá con dúas edicións máis durante o curso, nas que se abandonará a temática gastronómica para tratar educación e vivenda.
Asuntos universais coma estes serven para acadar un dobre obxectivo: “a dinamización da lingua para que a xente galega a empregue, se non o fan de cotío, e para que a xente de fóra, porque temos moito alumnado extranxeiro, coñeza a lingua de Galicia e se achegue a ela”, sinala Lucía Penabad. Esta profesional, que se integra nun Equipo de dez persoas, no que se atopa tanto profesorado como alumnado, adoita falar en galego nas aulas. “Está ben que nos vaiamos afacendo á lingua da contorna, que tamén é a nosa responsabilidade coidala: se non a falamos os que somos de aquí ou os que vivimos aquí, quen a vai falar?”, indica.
Así, os seus alumnos aprenden un idioma “extra” co que “están encantados”, e que poden poñer en práctica na iniciativa dos “Petiscos de convivencia”, nos que se pon a disposición un mapa para marcar as distintas procedencias de cada quen e se aproveita para probar algunha comida típica, como onte foi a proia e en xaneiro a empanada.
Máis actividades
O EDLG da EOI tamén tiña organizada onte a actividade “O noso Entroido”, en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua do IES Concepción Arenal. Neste centro impartiu unha charla o investigador desta festa tradicional Xosé Manuel Seixas, complementada cunha mostra de máscaras de zonas rurais galegas e portuguesas.
Por outra parte, estanse a recoller unha serie de entrevistas que se agrupan no proxecto “Fíos de ida e volta: o galego no mundo”, que é o tema elixido polo EDLG dentro do que seleccionou a escola para este curso, arredor das migracións. Por medio deste traballo publicararase proximamente un “podcast multilingüe en galego, inglés, francés, portugués...”, do que xa se gravaron tres programas, partindo da base de Galicia como “ponte entre culturas” e como “terra de inmigrantes e agora tamén terra acolledora”, apunta a coordinadora.
O labor do EDLG trata de promover o galego a través do seu uso en moi diversas actividades como as propostas de lecturas, as exposicións, os faladoiros que se convocarán semanalmente ou o horto da escola.








