Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Folk

Böj presenta o seu “Hora Zulú” no teatro Jofre rodeado de colaboradores e sorpresas

Este concerto será o primeiro que ofreza sobre o emblemático escenario a banda ferrolá, que vén de actuar nos máis referentes no xénero

Rita Tojeiro Ces
25/11/2025 22:34
Os músicos Rubén Gómez, Ricardo Mouriño, Pablo Vergara, Fausto Escrigas e Cibrán Seixo, este ano no escenario principal do Festival de Ortigueira
Os músicos Rubén Gómez, Ricardo Mouriño, Pablo Vergara, Fausto Escrigas e Cibrán Seixo, este ano no escenario principal do Festival de Ortigueira
David SalGra
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

A banda local Böj estrea “na casa” a tempada de acubillo cun concerto especial no teatro Jofre, o domingo 7 de decembro, ás 19.00 horas, no que presentará “Hora Zulú”. Para este disco, que fora financiado cunha exitosa campaña de crowfounding, contaron coa colaboración doutros artistas, polo que a ocasión se aproveitará para ofrecer un espectáculo a varias voces, no que tamén subirán a escena Anxo Lorenzo, Fernando Barroso, María Jorge, Matthew Ward e Xacobe Varela. Así mesmo, advirten de que haberá sorpresas, e quen non desexe perdelas xa pode ir adquirindo as entradas, dispoñibles na billeteira física e neste enlace á web de Ataquilla.

No 2016, o colectivo participara neste mesmo escenario nun festival de folk xunto a outros grupos da zona, mais desta volta actuarán no Jofre por primeira vez en solitario, como unha banda máis que consolidada grazas a unha traxectoria que levou a Böj a gañar, nese mesmo ano, o certame Runas do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. A organización volveu contar con eles para pechar a edición do 2024, unha oportunidade que tivo que ser cancelada pola meteoroloxía pero que recuperaron neste 2025 por todo o alto, presentado o novo disco.

“Foi un concerto moi especial, con moita enerxía e polo que nos contou a xente, o mesmo”, valora Ricardo Mouriño (gaitas, frautas e whistles), que integra o grupo xunto a Fausto Escrigas (bouzouki e whistles), Rubén Gómez (guitarra) e Pablo Vergara (bodhram). Despois continuaron dando a coñecer o novo traballo por outros eventos do verán como o Festival Internacional de la Gaita, en Villaviciosa, onde compartiron escenario con grandes nomes como Hevia ou Felpeyu, ou na Nueche Celta de Candás.

Do mesmo xeito, tamén presentaron “Hora Zulú” no Festival del Lar Gallego de Sevilla, organizado por proxectos dese territorio andaluz como Rare Folk, “un grupo mítico a nivel nacional”. Os integrantes consideran un logro saír a calquera destas dúas Comunidades xa que, paradoxalmente debido á proximidade e a que “somos culturas irmás”, “non é fácil para os grupos galegos tocar en Asturias”.

Despois deste percorrido, tiñan pendente unha actuación na cidade e que mellor escenario que o “máis representativo” de Ferrol para inaugurar a xira polas salas galegas, un encontro co público particularmente emocionante dada a súa implicación directa no disco. “Estamos moi agradecidos pola resposta da xente e esperamos que todo o mundo quedara a gusto co resultado”, sinala Mouriño, atendendo a esa implicación e compañía durante o proceso.

Segundo continúa relatando o gaiteiro, arredor do traballo que darán a coñecer agora ao público ferrolán, “pensamos que nos representa moi ben e transmite toda a nosa bagaxe destes anos, de coñecer diferentes folclores, estudalos e aprecialos, poñendo sempre a nosa parte persoal”.

O día mesmo do concerto, no propio Jofre, Böj levará unha serie de exemplares para as persoas que desexen aproveitar a oportunidade e levalo para a casa, así como unha nova liña de camisetas diferente á que ofreceron durante a campaña de recaudación. Non obstante, “Hora Zulú” tamén está dispoñible en establecementos locais relacionados coa música como a tenda Clef Music ou a Escola da Vaca. Así mesmo, poñen a disposición o seu correo electrónico bojfolk@gmail.com para aqueles que precisen envío.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620