Retransmisión en directo do Jofre a Bos Aires, na estrea monumental de “Fantasía Castelao”
Dous coros do Xan Viaño de máis de 100 voces, bailaríns e efectos de Cuerda Floja rodean o texto de Pim Patinho

“Fantasía Castelao” é o nome da principal proposta que realiza o Concello de Ferrol, en colaboración coa Cooordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, con motivo do Ano Castelao. Trátase dunha obra de teatro de Pim Patinho que conta con música do Pequecoro e o Pequecoro in Crescendo do CMUS Xan Viaño, efectos visuais do Cuerda Floja e que se representará, en dous pases, ás 18.00 e 20.00 horas, o sábado. Ademais, en Bos Aires, alumnado do centro educativo galego-hispano-arxentino Santiago Apóstol presentará a distancia a función e seguirá a retransmisión en directo dende o Centro Galego que se atopa nesta “quinta provincia”.
Esta peza foi presentada este martes na Casa Consistorial, xunto á unidade didáctica escrita por Manuel Rei Romeu que achegará o legado de Castelao á segunda etapa da ESO, por unha representación de ambas institucións. Unha delas foi a propia autora do texto, que coincidiu co presidente da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, Xil López, ao agradecer a colaboración continuada do Concello nas actividades que veñen desenvolvendo dende 1991, no eido do fomento da lingua e a creación en galego.
“Para esta homenaxe pensamos que sería bonito facer unha obra de teatro baixo os presupostos de Castelao”, que consideraba que esta disciplina “tiña que ser unha suma de artes”. Por este motivo, canto, baile, música, literatura e interpretación únense para crear unha peza de fantasía: “iso permítenos poñer a Castelao vido do alén, conversando coas súas amizades e personaxes”, adianta Pim Patinho. Así mesmo, o texto pasa por situacións máis dramáticas até outras máis cómicas, “sempre feito dende unha profunda admiración por Castelao”, polo que nel se presenta “un ser humano bondadoso, simpático e firme nas súas crenzas”.
Ademais, a creadora destacou que “facendo un chamado para participar a diferentes artistas, música, interpretación, unindo diferentes idades e xente que está traballando como profesional con xente amadora, desde o primeiro momento todo o mundo dixo si”, valorando o seu traballo desinteresado.
Equipo
A colaboración dos grupos do conservatorio veu motivada pola súa implicación habitual en actividades da defensa da cultura galega desinteresadamente, tal como apuntou Xil López, que fixo un reconto de 110 voces entre ambos. Tamén participarán outros músicos, profesores e alumnado do centro, así como dous bailaríns.
O deseñador da rúa da Igrexa Viktor Suárez firma o vestiario, e a maquillaxe a profesora Paula Cristobo xunto co alumnado dos ciclos de Estética do IES Carvalho Calero. Cuerda Floja ocúpase da retransmisión e ademais “están elaborando en formato vídeo os debuxos de Castelao, rotulando as distintas partes, os retrincos, da obra”, sinala López.
Todo un espectáculo multidisciplinar que, tal e como sinala a dramaturga, revive "ese teatro novo que soñaba Castelao para a nosa terra" como homenaxe polos 75 anos do seu pasamento. Segundo a profesional esta é unha arte especialmente axeitada porque "entra moi inmediatamente, é moi directo cara as persoas", e permitirá de seguro coñecer máis en profundidade a Castelao, espertar o interese e fomentar a súa lectura, da mesma maneira que promete unha unidade didáctica "marabillosa" para este fin.











