A “mirada de país” de Manuel López Foxo convida á reflexión sobre a historia da estratexia nacionalista
“A construción da nación desde o realismo político” é o seu último libro, que presentará na Central Librera de Dolores con Xavier Campos, Mariña Bello e Ismael González

O escritor e articulista Manuel López Foxo (Ortigueira, 1960), presentará a súa última obra este venres 14, na Central Librera da rúa Dolores, ás 19.00 horas. “A construción da nación desde o realismo político” recompila unha serie de artigos seus arredor do nacionalismo e a construcción do país galego. Para dar a coñecer este exemplar, o autor estará acompañado de Xavier Campos, que firma o limiar, Mariña Bello, que focalizará na dimensión máis persoal, e Ismael González, director da editorial encargada da publicación, o selo ferrolán Libros Lorref, da que o autor lembrou que o seu nome, “Ferrol” ao revés, inspirouse en “como denominaba Xohana Torres, a gran poeta de Ferrol, a gran poeta galega, á súa cidade natal”.
“Máis que unha mirada ideolóxica, é unha mirada de país”, adianta López Foxo, sinalando que, do mesmo xeito que hai quen non a ten, non existe unha única, polo que el se limita a ofrecer a súa, igual que fixeron outros como Castelao, Otero Pedrayo, Carvalho Calero ou Álvaro Cunqueiro, entre moitos outros.
Os artigos que recolle fan un percorrido dende a segunda República até a actualidade, e todos foron escritos desde unha sensibilidade coa que procura comprender outras perspectivas distintas á súa e “aceptar que nas encrucilladas dun país non sempre as persoas comprometidas con ese país acertan no camiño que collen”.
Así, o realismo político funciona como fío condutor dos textos, que comezan reivindicando “a figura de Enrique Rajoy Leloup, que non era nacionalista nin de esquerdas, pero ao que tanto lle debe o nacionalismo galego dos anos 30” no proceso do Estatuto de Autonomía de 1932.
A segunda República, a Transición e o momento actual son as tres etapas fundamentais, e entre elas resalta a defensa da experiencia política do Partido Galeguista de Castelao e de Alexandre Bóveda. “Aquela xente nos deu unha lección de realismo da que hoxe temos que aprender”, sinala Manuel López Foxo, que considera oportuno atender non só ás bases teóricas que culminaron no “Sempre en Galiza”, senón tamén ao marco político daquela República.
Neste eido, o autor destaca que entre maio de 1931, cando o Seminario de Estudos Galegos propón o seu proxecto de estatuto, “que elaboran principalmente Lois Tobío e Carvalho Calero”, e decembro de 1932, pásase da denominación de “Estado libre”, a “Estado autónomo” e finalmente “región autónoma”.
Definitivamente, o autor achega unha perspectiva crítica sobre a estratexia que levou a termo o nacionalismo durante a Transición, uns anos nos que “non actuamos co mesmo realismo que o fixo a xeración da república” da que propón aprender agora, con 50 anos máis de experiencia política. Entre outras eivas deste proceso nas que focaliza López Foxo atópase a disolución do Consello de Forzas Políticas Galegas e división do nacionalismo, así como o nulo papel que tivo o exilio galego, a diferenza do que ocorreu en Euskadi e Catalunya, a pesar de que existían figuras como a de Antón Alonso Ríos, que sucedera a Castelao presidindo o Consello.





















